jueves, 1 de diciembre de 2016

Escolares celanoveses, contra o illamento dos maiores

Unha sociedade cooperativa que pon solución á problemática da soidade dos anciáns en España, onde máis de sete millóns de persoas superan os 65 anos de idade e deles un 20% viven sós, foi o proxecto gañador da primeira edición do "Concurso de creación de empresas de base social" impulsado pola Mancomunidade Terra de Celanova, entidade conformada polos concellos da Merca, Cartelle, Celanova, Gomesende, Pontedeva, Quintela de Leirado, Ramirás e Verea.

O certame, que naceu co obxectivo de promover a cultura emprendedora de base social na comarca e fomentar así a creación de proxectos empresariais, contou coa participación dun total de 87 mozos con idades comprendidas entre os 11 e 29 anos, que presentaron unha vintena de proxectos relacionados cos servizos sociais, a agricultura e gandería, o aproveitamento forestal ou o turismo.

A orixinalidade, o desenvolvemento do proxecto, a súa viabilidade e a base social que afecta a un alto índice de maiores no rural ourensán fixo que o primeiro premio fose para "eViejing" (emulando un coñecido portal web para atopar parella), a proposta de seis alumnos de Segundo da ESO do colexio Sacro Corazón da vila de San Rosendo.

Evitar o illamento

Trátase dun proxecto que, de levar á práctica, axuntaría actividades lúdico-deportivas con xornadas formativas, actividades de sociabilización ou viaxes, "coa finalidade última de crear un punto de encontro físico para os nosos maiores e que así consigan establecer vínculos afectivos con outras persoas da súa idade co obxectivo de reducir ao máximo o illamento e o desamparo", explica Alba Pérez Montero, técnica da Oficina de Fomento Cooperativo do organismo supramunicipal.

Precisamente os datos sobre o envellecemento na comarca, onde os maiores de 65 anos representan o 41,7% da poboación, e as impactantes noticias sobre o achado de anciáns falecidos no interior das súas vivendas foron un desencadenamento para que Martín Pérez, José Miguel Villanueva, Santiago González, Xian Martínez, Cristina Casal e Jesús Veloso decantásense por un servizo lúdico-cultural para a terceira idade. "É unha pena que estean sós e que pasen estas cousas", lamentaba Jesús Veloso, ao que o seu compañeiro Santiago González engadía que "queremos que non vivan illados, que socialicen con outra xente, que se divirtan en actividades e excursións e, se é posible, que atopen o amor".

A posibilidade de emprender un negocio propio é un proxecto que aínda ven como "algo moi afastado" estes mozos de 13 e 14 anos, pero con algún autónomo na familia, é algo que non descartan do todo porque "é gratificante, fortaleceríame como persoa e tamén se supón que tería máis beneficios", comenta Cristina Casal, aínda que recoñece que o acceso ao financiamento é un aspecto que lles preocupa. "Un negocio custa moito diñeiro e tamén moitas horas", matizaba Xian Martínez.



Concurso de Creación de Empresas de Base Social (convocatoria e resolución premio)




Funcións da Oficina de Fomento Cooperativo


jueves, 27 de agosto de 2015

Bases reguladoras dos programas de incentivos ao autoemprego colectivo das persoas mozas inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e proceder á convocatoria para o ano 2015 das subvencións para o fomento do autoemprego en cooperativas e sociedades laborais da mocidade inscrita no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil.

Programas de subvencións:

a) I: programa de incorporación a cooperativas e sociedades laborais (procedemento TR807G).

b) II: programa de fomento do emprendemento (procedemento TR807H).

Beneficiarias

1. Poderanse acoller ás subvencións previstas nesta orde:

a) As sociedades cooperativas galegas e sociedades laborais para as actuacións previstas no programa I.

b) Os mozos e mozas inscritos no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, para as actuacións previstas no programa II.

jueves, 16 de julio de 2015

Resumo das principais bases das Subvencións para o fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais e a promoción do cooperativismo

Artigo 1. Obxecto e finalidade

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e a convocatoria das subvencións establecidas pola Consellería de Traballo e Benestar, coa finalidade de fomentar a incorporación de persoas desempregadas e persoas traballadoras temporais a cooperativas e sociedades laborais e apoiar o desenvolvemento de proxectos de emprendemento.

2. Establécense os seguintes programas:

I: Programa de fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais (procedemento TR802G): 

Este programa de subvencións está dirixido a fomentar a incorporación de persoas desempregadas e de traballadores e traballadoras con carácter temporal como socios e socias traballadoras ou de traballo de cooperativas ou sociedades laborais, con carácter indefinido.

A contía da subvención será de 5.500 € por cada persoa que se incorpore a xornada completa. Estas contías veranse incrementadas do seguinte xeito:

a) Cando a persoa incorporada sexa unha muller, a contía da subvención incrementarase en 1.500 € ata 7.000 €.

b) No caso de persoas en situación de exclusión social pertencentes a algún dos colectivos recollidos no Programa de fomento do emprego vixente no momento da incorporación como socio, a contía da subvención incrementarase en 2.500 € ata 8.000 €.

c) No caso de persoas con discapacidade igual ou superior ao 33 %, a contía da subvención incrementarase en 4.500 € ata 10.000 €.

II: Programa de fomento do acceso á condición de persoa socia (procedemento TR802J): 

Este programa de subvencións está dirixido ao fomento do acceso á condición de socios e socias traballadoras ou de traballo, de cooperativas ou de sociedades laborais, así como ao fomento do acceso de persoas emprendedoras por conta propia á condición de socias de cooperativas. Este acceso facilítase mediante o financiamento das achegas económicas ao capital social que debe desembolsarse para a incorporación como socio ou socia.

A contía das subvencións para as beneficiarias previstas poderá ascender ata 4.500 € para a incorporación a unha cooperativa e ata 3.000 € para a incorporación a unha sociedade laboral.

III: Programa de impulso de proxectos empresariais cooperativos e asistencia técnica (procedemento TR807D).

Este programa de subvencións está dirixido a fomentar o cooperativismo e a economía social, concedendo subvencións que faciliten a posta en marcha dos proxectos empresariais, tanto de nova creación como xerados polas cooperativas e sociedades laborais existentes.

1. Subvención para gastos de constitución: Poderán subvencionarse ata o 75 % dos gastos ocasionados.

2. Poderá subvencionarse ata o 75 % dos seguintes gastos: Elaboración de estudos de viabilidade, de organización, de comercialización, auditorías e outros informes de natureza análoga, necesarios para a posta en marcha dos proxectos empresariais. Elaboración dos estatutos sociais e regulamentos de réxime interno necesarios para a posta en marcha dos proxectos empresariais, ata un máximo de 2.000 €.

IV: Programa de promoción das cooperativas xuvenís (procedemento TR807E).

Este programa de subvencións está dirixido a apoiar o desenvolvemento de proxectos de creación de cooperativas xuvenís mediante subvencións para financiar os custos derivados do lanzamento da actividade.

Obxecto e contía das subvencións

1. Poderá concederse unha subvención directa para financiar parcialmente os gastos correntes derivados do inicio da actividade ata un importe máximo do 75 % do seu custo, excluídos impostos. Poderán ser obxecto de subvención os seguintes gastos correntes:

a) Arrendamento e mantemento de locais, instalacións, maquinaria e elementos de transporte.

b) Materias primas, embalaxes, envases e outros aprovisionamentos necesarios para a produción, agás os que sexan obxecto de simple comercialización.

c) Elaboración de material publicitario funxible e anuncios publicitarios nos medios de comunicación.

d) Seguros, gastos financeiros e bancarios.

e) Enerxía, comunicacións e transportes.

f) Material de oficina.

g) Consumibles para equipamentos informáticos e maquinaria.

h) Mantemento de equipamentos e sistemas para as tecnoloxías da información e as comunicacións, de páxinas web e de sistemas telemáticos de xestión e para o comercio electrónico.

i) Roupa de traballo e material funxible para a prevención de riscos laborais.

2. O importe máximo desta subvención será de 15.000 € por cooperativa beneficiaria.

Artigo 7. Solicitudes e prazo


1. As solicitudes de subvención deberán presentarse por separado para cada un dos programas desta orde nos modelos de solicitude que figuran como anexos, xunto coa documentación citada nesta orde, e dirixiranse ao órgano competente para resolver.

2. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es , de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de Correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria.

Artigo 12. Resolución e recursos


1. A competencia para resolver as solicitudes corresponderalle á Dirección Xeral de Traballo e Economía Social por delegación da persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar.

2. O prazo para resolver e notificar será de cinco meses desde a data de publicación desta orde no DOG. 


Máis información: DOG Xunta de Galicia