viernes, 9 de agosto de 2013

A Xunta promove a constitución da primeira cooperativa dedicada á comercialización da faba de Lourenzá

A Dirección Xeral de Traballo e Economía Social da Consellería de Traballo e Benestar, coa colaboración da Consellería de Medio Rural e do Mar, está a promover a constitución da primeira cooperativa especializada na comercialización da faba amparada baixo a Indicación Xeográfica Protexida ‘Faba de Lourenzá’ e outros produtos de horta da comarca da Mariña lucense.

Na actualidade, a produción e comercialización da faba da zona estase a desenvolver dun xeito individualizado. Trátase de motivar aos produtores para que aposten por realizar a súa actividade dun xeito regulado e profesionalizado baixo a fórmula empresarial cooperativa.

No transcurso desta acción promocional, representantes de AGACA desprazaranse este luns ata Ribadeo e o martes ata Alfoz e Lourenzá para manter reunións directas cos produtores e explicar os pasos técnicos a seguir na constitución dunha cooperativa deste tipo.


En total, entre 2009 e ata o de agora, constituíronse na Comunidade autónoma 224 iniciativas deste tipo, das que 33, cun total de 197 socios, naceron no primeiro semestre deste ano. Galicia conta na actualidade con preto de 1.200 cooperativas que aglutinan a máis de 90.000 socios e crean máis de 18.000 postos de traballo.


A cooperativa Os Irmandiños pasa a ser asturgalaica no seu proceso de expansión

A expansión da cooperativa agrogandeira Os Irmandiños, con sede na localidade ribadense da Devesa, converteuna nunha entidade «cantábrica ou asturgalaica», en palabras do seu xerente, Javier Barcia. Tal foi o crecemento experimentado, que actualmente só o 20% dos seus asociados procede de Ribadeo, o municipio no que xurdiu e onde desempeña a súa actividade. Máis concretamente, 200 dos seus 1.089 socios son ribadenses, segundo o balance presentado na asemblea anual celebrada o pasado mes de xuño.

«Temos socios en máis de 40 concellos de Asturias e de Galicia e xa operamos con xente dun ámbito xeográfico que vai dende boa parte do Occidente asturiano -en localidades como Coaña, Valo de Casariego, Serantes, Vegadeo e San Tirso de Abres- ata a provincia de Coruña, pasando por Viveiro e chegando ás Pontes de García Rodríguez, como sinala o xerente Dos irmandiños, Javier Barcia, quen tamén advirte da súa presenza no interior da provincia de Lugo, en explotacións agrícolas e gandeiras de Guitiriz,».

Fonte: El Progreso