A Consellería do Medio Rural e do
Mar destina preto de 3 millóns de euros á implantación, mantemento e mellora de
soutos de castiñeiros nos orzamentos deste ano. Así o destacou hoxe no Centro
de Investigación Forestal de Lourizán a titular deste departamento, Rosa
Quintana, durante a clausura dos resultados do proxecto FEADER “Cambio da
estrutura varietal dos soutos para revalorizar a produción da IXP Castaña de
Galicia”.
Acompañada polo delegado
territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, e polo secretario
xeral de Medio Rural e Montes, Tomás Fernández-Couto, a conselleira sinalou que
un dos principais eixos do Plan de Valorización do Monte Galego que leva a cabo
o seu departamento é aumentar o valor primario e engadido dos produtos forestais,
destacando os soutos de castiñeiros. Así, recordou que Galicia conta cunha
superficie forestal de dous millóns de hectáreas e que un dos seus
aproveitamentos xira arredor do sector da castaña, producindo entre 15.000 e
25.000 toneladas deste produto e xerando preto de 30 millóns de euros anuais.
A titular de Medio Rural e Mar
sinalou ademais que a Lei de Montes contempla medidas concretas para o
favorecemento da implantación e posta en produción de terreos dedicados á
produción de castaña en Galicia. De feito, destacou, instrumenta a posibilidade
de que a administración forestal poida impulsar e crear outras mesas sectoriais
-ademais da da madeira- para o fomento, a promoción e mellora dos produtos
forestais, e nese sentido, a Consellería de Medio Rural e do Mar pretende crear
a Mesa da Castaña, que será a segunda Mesa de produto forestal que se cree na
nosa Comunidade. O obxectivo desta iniciativa é establecer un foro continuado
de diálogo e traballo que aglutine aos principais axentes relacionados coa castaña
en Galicia.