jueves, 20 de junio de 2013

Mensaxe da Alianza Cooperativa Internacional (ACI) "A empresa cooperativa mantense forte en tempos de crise"

O Día Internacional do Cooperativismo, que se celebra este ano o 6 de xullo de 2013, ten como lema "A cooperativa, unha empresa que segue sendo forte en tempos de crise". O lema resulta aínda máis oportuno á luz da situación doutras formas empresariais cando se enfrontan coas actuais dificultades económicas
globais.

Os modelos de empresas propiedade dos seus investidores sofren actualmente unha crise de insostibilidade en termos económicos, sociais e medioambientais mentres que o modelo cooperativo demostrou, outra vez máis, que é resistente en tempos de crise.

A crise financeira foi un exemplo rotundo dos perigos que entraña priorizar as ganancias a curto prazo en vez da viabilidade a longo prazo. As crises globais actuais foron causadas por un modelo empresarial que considera máis importantes os retornos financeiros que as necesidades humanas, un modelo que pretende privatizar as ganancias e socializar as perdas. Son moitas as probas da contribución á estabilización financeira que pode achegar unha pluralidade de modelos de propiedade.

Ao dar maior prioridade ás necesidades humanas, as cooperativas responden ás crises actuais de sostibilidade e ofrécennos unha forma distinta do "valor compartido". Ademais, o modelo da cooperativa non é vítima do engano que aflixe ao modelo capitalista dende hai máis de vinte anos por considerar os resultados financeiros como o indicador central da boa empresa. Unha cooperativa é sinxelamente unha busca colectiva da sostibilidade que intenta "optimizar" os resultados de varias partes interesadas en vez de maximizar as ganancias dunha delas.

Esto tamén significa que cando a situación resulta máis dura, toda a man de obra é vital para o benestar dunha cooperativa e non soamente uns cantos xerentes. Outro elemento que alarmou ao público no mundo enteiro son as prácticas e finalmente, o peche de numerosos grandes bancos. Estas institucións supostamente venerables, seguras para os investimentos e os depósitos, resultaron a miúdo débiles e mal xestionadas. As cooperativas financeiras distinguíronse de xeito ben diferente.

As cooperativas de aforro e crédito, os bancos cooperativos seguiron crecendo, outorgando créditos en especial ás pequenas e medianas empresas, e mantivéronse estables nas diferentes rexións, creando mesmo empregos indirectos. A propiedade en mans dos seus membros que a controlan e se reparten os beneficios é o elemento clave desta resiliencia e garante vantaxes que non teñen os seus competidores. Se ben as cooperativas financeiras representan unha parte destacadamente grande do mercado bancario mundial, é importante entender mellor o seu modelo.

Un informe publicado recentemente pola Organización Internacional do Traballo (OIT) e escrito polo profesor Johnston Birchall fai un exame detallado das cooperativas financeiras dende a súa creación en Alemaña nos anos 1850 ata o movemento mundial que representan actualmente.