A Mariña move ao ano un millón de toneladas de madeira de
eucalipto cortada, argumento abondo, segundo Manuel Galdo, presidente da
asociación de Produtores de Madeira de Viveiro (Promavi), para impulsar a
creación dunha cooperativa que abranga o territorio mariñano.
«Temos produción, socios e vía de saca de madeira aos
mercados internacionais cos portos de Celeiro, Burela e Ribadeo», remarcou o
voceiro do colectivo que agrupa uns trescentos propietarios de montes de
Viveiro e municipios limítrofes.
Galdo explicou que foi a decisión «unánime» dos asistentes á
asemblea que Promavi celebrou no teatro Pastor Díaz de Viveiro, e á que
asistiron en torno á metade dos asociados, uns 140. «Pode ter ou non sede en
Viveiro, pero dende aquí sae a campaña de lanzamento» para a súa creación.
Promavi desmárcase desta forma do proxecto de creación dunha gran cooperativa
que promovía Promagal, da que Galdo sinalou que está «parada». Xunto ao
potencial dos montes mariñanos, o presidente de Promavi tamén aludiu á
«proximidade para a toma de decisións» que propiciaría contar cunha cooperativa
comarcal.