O emprendemento e a economía social son as fórmulas
empresariais que mellor comportamento están a ter fronte á crise económica. Así
o destacou hoxe o director xeral de Traballo e Economía Social, Odilo Martiñá,
na clausura dos programas de creación e consolidación de empresas e formación
de emprendedores no comercio da Cámara de Comercio de Santiago.
Martiña, que ademais participou na entrega de diplomas aos
alumnos, ratificou o apoio “firme e decidido” da Xunta a este colectivo, xa que
lembrou que é o motor que precisa Galicia para “a dinamización económica e a
xeración de emprego”. Neste senso, avanzou que os orzamentos da Administración
autonómica para 2013 inclúen un incremento dun 1 por cento para as axudas a
este colectivo chegando, desta maneira, aos 25 millóns de euros. Lembrou que ao
longo da pasada lexislatura investíronse desde a Xunta un total de 122 millóns
de euros para apoiar a actividade de 18.000 autónomos e emprendedores.
“Os autónomos e emprendedores son un colectivo prioritario
para o Goberno galego porque son imprescindibles para afrontar a saída da crise
e iniciar a senda do crecemento”, sinalou.