viernes, 30 de agosto de 2013

Cooperativa Hortoflor: "Trinta anos por un camiño de rosas"

En 1984, 27 agricultores ourensanos xuntaban esforzos para que as súas colleitas chegasen a ser produtivas e rendibles. Trinta anos despois, son case 200 os socios que forman parte da mesma cooperativa, que en pouco tempo se converteu nun gran referente a nivel estatal. Hortalizas e flores son os produtos que dan vida a Hortoflor, dirixida por un deses agricultores que a viu nacer e que se mostra optimista a pesar das circunstancias económicas que nos envolven. Os seus próximos obxectivos son o cultivo de amora e framboesa e o seu gran reto, o relevo xeracional

Gran parte da superficie agrícola ourensana ten destino dende hai case trinta anos. A empresa Hortoflor, constituída formalmente como sociedade cooperativa limitada, puxo Ourense como referente no que a produción e venda de hortalizas e flores se refire. Con máis de 150 familias adscritas á cooperativa, Hortoflor conta con pequenos hortos ao longo da provincia e, mesmo, nas localidades portuguesas de Valença do Miño, Chaves e Vila Real. "Ampliamos a produción e agora temos socios do país veciño con explotacións que son, polo xeral, máis grandes que as de Ourense", afirmou o xerente da cooperativa agraria, Carlos Gómez.

Unha expansión internacional que se fai necesaria para atender as demandas da poboación, que o xerente da empresa recoñece que cada vez son maiores: Celebramos un acordo con Vegalsa e Eroski e somos conscientes do difícil que é cumprir as expectativas", sobre todo tendo en conta que no rural galego existen moitos terreos en barbeito permanente e sen intención de ser traballadas a curto prazo.

Ademais, a maior parte das parcelas dedicadas á produción destes produtos son pequenas explotacións familiares dedicadas ao cultivo de feixóns, cabaciña ou tomate. Segundo o propio xerente, un dos maiores filóns a nivel de mercado nacional pasa polo cultivo de flores "que os distribuidores de toda España prefiren pola súa calidade e frescura". É precisamente esa condición a que fai a Hortoflor competitivo fronte aos mercados incipientes como o de Marrocos, sendo estes os que máis produtos a baixo prezo introducen en España: "O custo de produción neste país é moito máis baixo e aínda que dende a Unión Europea se lancen convenios para que haxa un prezo mínimo, na realidade non se cumpren", afirmou Gómez.

Pero a competencia non só faise notar no mundo da horta, senón que afecta á outra parcela na que se move Hortoflor. A empresa deixou de exportar flores cortadas a Inglaterra ante a competitividade colombiana e o cambio de divisa, prexudicial para os intereses españois no estranxeiro. Aínda así, dende o Consello Galego de Cooperativas intentan darse a coñecer noutros mercados "porque se os potenciais compradores ven a calidade dos nosos produtos non lles vai importar pagar algo máis", afirmou Gómez.

Mesmo en España se ven con bos ollos os produtos da horta galega que chegan a case todas as provincias españolas: "Estamos a vender hortalizas na zona norte, como País Vasco, Navarra e Aragón. A zona central e o sur da península prefiren o pemento de padrón".