viernes, 14 de diciembre de 2012

Valores cooperativos á alza


O voluntariado vai en aumento en EE.UU. As redes sociais xeradas a partir de proxectos cooperativos son posiblemente a mellor consecuencia da crise. 

Nestes casos, sortear as dificultades arroupado por outras persoas é esencial, pero promover a idea de que a unidade é un concepto ao que podemos tirar proveito económico é unha saída do labirinto a ter en conta. 

O feito de traballar en equipo, de achegar axuda mutua, de lograr o consenso a través do debate de ideas, xera confianza no outro e autoestima persoal. O outro día, sen ir máis lonxe, vía unha reportaxe sobre un grupo de desempregados de máis de 50 anos que crearan unha cooperativa de servizos. 

Precisamente, o modelo asociativo permite a inclusión dos que están desprazados do sistema ou que se achan nunha situación difícil. Nestes tempos difíciles deberiamos recordar que o intercambio vital entre seres humanos é case unha necesidade biolóxica ao considerarnos seres sociais e que explotar os recursos en forma colectiva é algo prehistórico, porque fortalecer os intereses comúns garante a supervivencia. 

No concepto de economía social que está tan de moda explótase unha idea e é que a actividade económica está ao servizo das persoas. Por suposto é unha filosofía eminentemente práctica, no sentido, de que é na acción como se materializan valores como a solidariedade, a comprensión ou a tolerancia integrados á actividade empresarial. 

Non é de estrañar que o traballo cooperativo sexa unha das metodoloxías educativas máis desenvolvidas nos centros escolares onde xa se impoñen as bases da emprendeduría en grupo e a cultura do esforzo colectivo.

As mulleres rurais apostan por crear máis cooperativas

A Asociación de Familias e Mulleres do Medio Rural de Albacete (Afammer) puxo en marcha un curso de creación de cooperativas dirixido a mulleres desempregadas de Hellín. Na presentación estiveron presentes o alcalde da localidade, Manuel Mínguez, a presidenta de Afammer-Albacete, Tiva Bernabéu Cañete, o seu vicepresidente, Adela Alfaro, e a responsable de formación Gema González-Mohíno, así como representantes da Xunta directiva de Afammer-Hellín.

Quince mulleres en situación de desemprego van beneficiarse deste curso que terá unha duración de 40 horas e que se impartirá durante o mes de decembro, en horario de mañá.


O alcalde agradeceu a Afammer-Albacete que elixise Hellín á hora de impartir este curso. Tiva Bernabéu destacou o grande apoio que esta asociación recibiu por parte do Concello e que fixo posible que este curso fose unha realidade. Parte das mulleres participantes na formación son membros de Afammer-Hellín e o resto foron seleccionados a través da oficina de emprego desta localidade.

XALLAS, terceira cooperativa de Galicia que adapta a súa tenda á imaxe de MERCARURAL



A cooperativa agrogandeira Xallas renovou por completo a imaxe da súa tenda agraria converténdose na terceira cooperativa de Galicia que transformou a súa antiga tenda agraria nun espazo comercial cunha imaxe unificada baixo os criterios especificados por MERCARURAL.

O 8 de novembro tivo lugar en Santa Comba, a inauguración oficial das novas instalacións que supuxeron un investimento de máis de 120.000 euros. Ao acto de apertura acudiron autoridades como José Álvarez Robledo, director xeral de Produción Agropecuaria da Consellería do Medio Rural quen destacou o cooperativismo como unha fórmula empresarial " superaxeitada", sempre que alcancen o tamaño axeitado que o mercado esixe. Neste sentido aludiu ás cooperativas do Norte de Europa que viron reducido o seu número, grazas a procesos de fusión, unión ou integración o que as levou a converterse en multinacionais con voz propia no mercado.


Participaron tamén o alcalde de Santa Comba, Antonio Landeira quen felicitou a cooperativa pola iniciativa ao tempo que destacou a súa relevancia como motor estratéxico da bisbarra; o xerente da cooperativa, Antón Camarero, que afondou no cambio como algo máis que a adopción dunha imaxe nova, máis moderna e práctica, destacando a profesionalización na xestión e o gran reto que supón para os traballadores esta iniciativa.

O director xeral de DELAGRO, Carlos Castro ten manifestado o seu orgullo polo entusiasmo e esforzo con que as cooperativas están a acoller e apoia a implantación de MERCARURAL; subliñou o que supón como reforzo á dignidade do medio rural favorecido por un comercio cunha imaxe axeitada, coidada e sobre todo, profesional.

Ademais recordou que na actualidade, se está a traballar xa en cinco implantacións máis en cooperativas de Galicia e Asturias, co obxectivo de telas funcionando nos dous anos vindeiros. Felicitou ademais a cooperativa e os seus traballadores polo grande esforzo realizado.