miércoles, 24 de septiembre de 2014

Cooproute ofrecerá en Internet diferentes percorridos turísticos para coñecer o cooperativismo.

Turismo con Le mat. A cooperativa italiana de turismo traballa con persoas con discapacidade. FOTO: Le Mat

En outubro poderá verse no sitio guía on-line Cooproute a Ruta Europea pola Cultura Cooperativa. Alí inclúense os diferentes itinerarios que se poden percorrer, centrados no cooperativismo de cada país.

Cofinanciado pola Comisión Europea, este proxecto que leva tempo preparándose, quere mostrar aos viaxeiros de Europa as cooperativas arraigadas no territorio que contribúen á historia local, ao desenvolvemento do ámbito produtivo e tamén propio do cooperativismo. Aparecen, entre outras tantas, iniciativas que axudaron a construír o movemento cooperativo mundial, como o museo dos Pioneiros de Rochdale, en Reino Unido (considerado lugar de nacemento do cooperativismo mundial).

Por suposto, en Cooproute inclúense tamén hoteis, guías e empresas cooperativas dedicadas ao turismo social e sostible. Será posible elixir rutas posibles tanto nacionais coma internacionais, e as descricións de cada destino estarán dispoñibles en mapas interactivos na web.

Coordinado por CECOP, a organización que reúne as cooperativas de traballo de toda Europa, participan entidades de 14 países europeos, entre os que se encontra España.