O Consello de Ministros aprobou este venres o proxecto de
lei de fomento da integración cooperativa e doutras entidades asociativas de
carácter agroalimentario co obxectivo de mellorar a estruturación da oferta e
fomentar a fusión e integración de produtores e entidades.
A intención do Executivo é que, con esta normativa, se impulsen entidades
asociativas agroalimentarias de ámbito supraautonómico con capacidade,
dimensión e estrutura empresarial que incremente a súa eficiencia e
rendibilidade.
O impulso e fomento da integración cooperativa constitúe un eixe
"prioritario" de actuación para o Ministerio de Agricultura,
Alimentación e Medio co obxectivo de favorecer a súa competitividade,
redimensionamento, modernización e internacionalización.
Así, o Goberno pretende corrixir os "problemas" do sector cooperativo
español, que se caracteriza pola súa "atomización", con preto de
4.000 cooperativas e máis dun millón de socios, unha facturación de 18.797
millóns de euros en 2012 e que emprega de forma directa a 100.000 persoas.
Segundo o Ministerio, na actualidade ningunha cooperativa española está entre
as 25 máis grandes da UE. Na súa opinión, a cadea agroalimentaria española
"presenta unha asimetría que debe ser corrixida mediante a posta en marcha
de políticas e instrumentos lexislativos que melloren a estrutura
comercializadora".