Unir os destinos dos titulares dunhas 1.500 bateas das rías de Arousa, Pontevedra e Vigo é o obxectivo que se marcaron cinco organizacións mexilloeiras. É a cooperativa Amegrove a que lidera un proceso no que tamén están inmersos Illa de Arousa, Cabo de Cruz (AMC), Cons de Udra e Socomgal. Representantes destas agrupacións verán as caras esta tarde no Grove.
Non se trata da primeira cita. Segundo algúns dos asistentes a reunións anteriores, «aínda está todo moi verde». Quen así fala é Fernando García, o presidente da asociación de mexilloeiros da Illa de Arousa. El acudirá a eses encontros mentres detecte «que hai ganas de falar e avanzar» en cuestións como a toxina e como facerlle fronte, ou explorar alternativas para «vender todos en conxunto». Outros asistentes ás citas que se viñeron celebrando no Grove parecen confiar máis no éxito desta alianza. Hai quen considera que non tardará moito en cristalizar unha nova organización que aglutine a 1.500 bateas.