Máis de 100 empresas recibiron o ano pasado 26 millóns de euros en axudas para a transformación e comercialización de produtos da pesca, do marisqueo e da acuicultura. Así o adiantou esta mañá no Grove a conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, nunha visita ás instalacións da Sociedade Cooperativa do sector mexilloeiro Amegrove, unha das empresas beneficiarias destas subvencións.
Rosa Quintana destacou que o importe destas achegas foi máis do dobre do destinado no ano 2013 polo mesmo concepto. Tamén explicou que o número de empresas beneficiarias destas subvencións incrementouse nun 30% respecto das que recibiron a axuda no 2013. Estes datos amosan a aposta decidida da Xunta por potenciar a competitividade no sector procesador galego, promovendo así o desenvolvemento económico, social e produtivo da nosa comunidade co fin de mellorar o benestar dos profesionais do mar.
A conselleira tamén fixo fincapé no aumento xeneralizado da produción de mexillón. Neste sentido, sinalou que as descargas deste molusco medraron máis dun 34% o ano pasado con respecto ao 2013, aumentando tamén a facturación en máis dun 37% neste período. Tamén se referiu á produción do Grupo Amegrove e destacou o aumento nun 74% da súa produción de mexillón no 2014 fronte ao ano, anterior incrementando a facturación en máis dun 56%.