miércoles, 30 de enero de 2013

As cooperativas no sector da flor cortada en Galicia

A produción de flor cortada en Galicia tivo un forte incremento na década dos 80, cando empezaron as súas actividades as máis importantes cooperativas e empresas produtoras e comercializadoras da actualidade. Motivados pola alta demanda e subvencións para o investimento en invernadoiros, moitos agricultores inícianse na actividade.

Entón, a produción de flor cortada caracterizábase por unha estrutura minifundista, con man de obra familiar. Os agricultores buscaron asociarse en Cooperativas co fin de concentrar a oferta e obter así mellores condicións de comercialización.

Caravel e clavelina foron por moitos anos as flores máis producidas en Galicia, en especial entre maio e outubro, cando a produción no sur de España diminúe debido ás altas temperaturas. Co paso do tempo a rosa convértese nun cultivo de moita importancia, seguido de bulbos, como gladíolos e lilium, xerberas e, máis recentemente, o crisantemo.

Hoxe en día, o sector de flor cortada en Galicia está dividido entre cooperativas de pequenos agricultores, que manteñen unha tecnoloxía e un abano de especies bastante tradicional, e empresas produtoras, que están a investir en modernas tecnoloxías de produción e climatización de invernadoiros e novas especies e variedades.

A esta panorámica súmase a recente crise no mercado Europeo de flor cortada, que nos últimos anos sufriu un baixón de prezos influenciado pola situación da economía en países tradicionalmente consumidores, como Alemaña e Francia, así como pola forte competencia de produtos importados de países africanos e Sudamérica.

Estrutura cooperativa:
O modelo cooperativista tivo un forte impulso a mediados dos 80, coincidindo co período de crecemento da superficie de produción en invernadoiros. En función de características como minifundismo e necesidade de novos mercados, a estrutura cooperativista encaixou perfectamente co modelo produtivo existente en Galicia. As cooperativas pasaron a asumir o papel de comercializadoras, operadoras loxísticas, provedoras de insumos para a produción, en moito casos suplindo as necesidades de información técnicas, capacitación, planificación de produción e elección de variedades.

- Hortoflor 2 - Sociedade Cooperativa Limitada: Nace en 1984 da man dun grupo de 27 agricultores de Ourense.

Na actualidade, compoñen a cooperativa máis de 200 socios, 100 colaboradores asociados distribuídos en 40 concellos e dous países. Dedícase á produción de máis de 60 especies de flor cortada, como caravel, mini caravel, xerbera, gladíolo, lilium, crisantemo, rosa,estatice, gypsophila, iris, fresia, limonium ou alstroemeria. Tamén se dedica á produción de hortalizas. A empresa obtivo o certificado de xestión da calidade ISO 9001:2000.

Agroflor SCL - Empresa cooperativista situada en Narón - (A Coruña) fundada en 1985. Conta cun centenar de socios con aproximadamente 150.000 m2. As explotacións dos socios están distribuídas no norte da Coruña. As principais especies producidas e comercializadas por Agroflor son: caravel, clavelina e xerbera.


A súa principal estratexia é producir flores tradicionais, en época do ano na que non hai ofertas significativas noutras zonas, en especial no sur de España, utilizando as condicións de clima suave do Norte de Galicia. O principal mercado da empresa é España, con exportacións ocasionais a outros países de Europa.

Segundo César Vizoso Rodríguez, xerente de Agroflor, o sector sofre unha forte retracción de prezos, aínda que as florarías non traspasan esta situación ao consumidor final. A competencia da flor importada de Ecuador e Colombia é outro factor que dificulta o desenvolvemento do sector. Segundo Vizoso, unha alternativa interesante é buscar acordos coas cadeas de grandes superficies que teñen unha gran capacidade de fomentar o consumo; así se pode obter unha mellor estabilidade nas vendas durante todo o ano.