viernes, 23 de agosto de 2013

Traballo promove accións para fomentar a intercooperación como clave para reforzar o modelo cooperativo fronte á crise

A Consellería de Traballo e Benestar está a promover diferentes accións para fomentar a intercooperación como clave para o futuro do movemento cooperativo co obxectivo de seguir a reforzar este modelo empresarial fronte á crise.

Deste xeito, o director xeral de Traballo e Economía Social, Odilo Martiñá, participou hoxe en Cambados nunha xornada de intercooperación que desenvolven as cooperativas Martín Códax e O Cable Inglés.

Neste senso, o director xeral de Traballo e Economía Social destacou que en Galicia existen un total de 1.194 cooperativas que agrupan a máis de 90.158 socios e crean preto de 19.000 postos de traballo, entre directos e indirectos, o que supón preto dun 2% da poboación ocupada.

O tecido cooperativo galego está a rexistrar un crecemento significativo ano a ano. Desde 2010 ata este mes de xuño constituíronse un total de 179 cooperativas. Obsérvase ademais un lixeiro incremento entre os diferentes períodos anuais. En 2010 creáronse 42; en 2011 foron 48; en 2012 rexistráronse 58 novas altas; e no primeiro semestre do 2013 xa se contabilizaron 33 novas empresas desta índole. As provincias da Coruña e Pontevedra son as que presentan maior presenza de sociedades cooperativas, en consonancia co seu maior dinamismo empresarial.

“Os datos avalan que o cooperativismo é unha fórmula para resistir á crise, xa que fomentan o emprendemento e preservan os postos de traballo, ao tempo que buscan tamén un equilibrio territorial”, apuntou Martiñá.

"O mercado asiático é o gran reto e o británico xa está consolidado"

Cun mercado nacional esgotado e que non dá síntomas de que vaia crecer nun futuro próximo no sector agroalimentario, Coren tomou o camiño da exportación para manter o seu volume de negocio. Esa aventura fóra das nosas fronteiras comezou en Portugal, nos anos noventa, e onde o grupo ourensano conta con dous centros en Porto e Lisboa.

Á marxe do mercado portugués, o británico converteuse no principal comprador de Coren. Cada semana saen uns 300.000 quilos de produtos para Inglaterra, onde o xamón é o principal reclamo.

Entre os principais retos de futuro no exterior, a cooperativa ourensana centrarase no mercado asiático con Corea, China ou Xapón como principais obxectivos. «A estratexia internacional é ir abrindo o mercado en busca do nicho axeitado», explicou Gómez-Franqueira, conselleiro delegado de Coren.