lunes, 17 de junio de 2013

As cooperativas agroalimentarias galegas aumentan os seus postos de traballo

AGACA, a Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias, informa de que as cooperativas agroalimentarias galegas incrementaron nun 11,87% os postos de traballo xerados entre 2007 e 2011.

Trátase duns datos actualizados do denominado Observatorio Socieconómico del Cooperativismo Agroalimentario Español (OSCAE).

En Galicia, contabilízanse un total de 215 cooperativas agrarias dadas de alta na Seguridade Social (incluída as que carecen de actividade), das que un 63% forma parte de AGACA. De 2006 a 2011 o seu número reduciuse un 7% o número, se ben o seu número de socios entre 2007 e 2011 aumentou nun 19,8%.

A facturación das cooperativas agroalimentarias en Galicia sufriu un decrecemento a partir de 2008, derivado da virulencia da crise sobre os sectores gandeiros de leite e carne.

Unha das rémoras das cooperativas agroalimentarias galegas é a exportación. Só o 5% das cooperativas exportan, especialmente as adegas.


A facturación directa do cooperativismo agroalimentario galego supón un 63% do valor da produción final agraria galega, segundo recolle o Anuario de Estatística 2011 da Consellería do Medio Rural e o 1,7% do valor da produción bruta da Industria Alimentaria Española, segundo a Federación Española de Industrias da Alimentación e Bebidas (FIAB).

As cooperativas formanse para incrementar a súa competitividade

Fomentar a competitividade das cooperativas é o obxectivo dun curso que preparan a Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (Agaca) e a Fundación Coren, baixo o título de 'Novas oportunidades de desenvolvemento para ás cooperativas'.

A través das xornadas, os participantes aprenderán como a creatividade pode diferenciar os produtos e servizos dunha empresa. Tamén se abranguerán cuestións como a identificación de ámbitos de innovación, o desenvolvemento de proxectos de I+D, a obtención de certificados e patentes ou as axudas dispoñibles, entre outras. Este curso complementa outro sobre comercialización que se desenvolveu a principios do presente mes.

Os relatorios serán impartidos por Marta Núñez, responsable da área de I+D e Internacionalización de Agaca. Está dirixido a xerentes ou técnicos de cooperativas que desenvolven o seu labor en áreas de comercialización ou exportación, así como a novos emprendedores interesados nesta fórmula de negocio ou traballadores do sector interesados en mellorar os seus coñecementos. O curso terá lugar na sede da Fundación Coren, en Razamonde, os días 26 e 27 de xuño. Os interesados en participar poden inscribirse, de modo gratuíto, nos teléfonos 981 58 47 83 e 981 58 49 11, ou a través do correo electrónico agaca@agaca.coop.