martes, 18 de junio de 2013

A familia Gómez da comarca da Limia un paradigma de xestión cooperativa

Poucos exemplos pode haber máis paradigmáticos que o da familia Gómez Rodríguez para comprender como é A Limia. A bisbarra agrogandeira máis importante de Galicia segue viva malia a crise e outras presións externas grazas á teimosía e o esforzo de personaxes como Celso Gómez Valencia. Esa paixón pola súa terra -á vez orixe e sustento dos que a habitan- transmitiuna á perfección aos seus catro fillos, todos implicados en traballos relacionados co campo.


O cabeza de familia abriu camiño nos anos oitenta, cando contaba con pouco máis de 25 anos. Foi cofundador da cooperativa de vacas Antelana e, practicamente ao mesmo tempo, creou a súa propia explotación de porcos, bautizada como A Curuxeira. Comezou con 80 nais en ciclo completo e con moi poucos medios. «Agora témoo todo informatizado, pero entón empecei sen luz nin medios técnicos ningúns», conta Celso, que malia todo logrou que o negocio crecese e crecese. En 1986 xa tiña 150 nais, en 1990 alcanzou as 250, en 1996 as 500 e, finalmente, no 2007 chegou ás 800. Para facerse unha idea, a súa granxa consume cada día 17.000 quilos de penso, ten sete empregados e produce 18.000 porcos ao ano.