lunes, 8 de abril de 2013

A mostra da Xunta para promover o cooperativismo chega mañá a Xinzo de Limia

A mostra que organiza a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Traballo e Benestar, para promover e difundir o cooperativismo chegará mañá a Xinzo de Limia. A exposición “Descubre as cooperativas” permanecerá aberta ao público ata o 12 de abril na Casa da Cultura do concello.

A iniciativa fai un percorrido polos elementos clave do modelo cooperativo: que son, que tipos de cooperativas hai, como funcionan, cales son os valores que defenden, que pasos dar ou que apoios existen para impulsar o emprendemento cooperativo.

Deste xeito, presenta as potencialidades e solucións que ten este modelo empresarial, que ten demostrado versatilidade e capacidade de adaptación á situación económica actual, ao ser capaz de manter e crear empregos.

Ao longo de algo máis de 100 metros cadrados, os visitantes poderán achegarse ao cooperativismo agrario, ao autoemprego cooperativo, ou mesmo comprobar se teñen 'madeira de cooperativistas', nunha exposición marcada polo seu carácter interactivo e dinámico.

As Cooperativas do Mel de Galicia


A importancia do mel como alimento remóntase á prehistoria, pois xa nas pinturas rupestres hai evidencias do seu consumo. En culturas antigas como a persa, exipcia, grega ou romana o mel era un produto moi valorado, regalo para os deuses e as clases sociais máis altas. Máis tarde, obxecto de pagamento de tributos e impostos. Os árabes, na Península Ibérica, potenciaron o uso do mel na gastronomía cunha grande variedade de elaborados doces.

A apicultura é unha actividade que forma parte da historia de Galicia. As súas orixes vincúlanse ás producións de autoconsumo do medio rural e a súa expansión está vinculada á influencia dos mosteiros. Un reflexo da súa importancia nalgunhas bisbarras son topónimos como Pena Abelleira, Abelleira, Albariza ou Vilarmel, ou elementos do patrimonio etnográfico como os cortizos ou a crianza das abellas en armarios. Sen dúbida os elementos máis significativos son os albarizas, frecuentes nas montañas do Leste e centro de Galicia, consisten en altos muros de pedra de forma ovalada, circular ou cuadrangular, no interior da cal se colocan as colmeas co fin de protexelas da entrada de animais (principalmente osos) e da climatoloxía adversa.

O mel, como alimento curativo e único adozante do momento, comercializábase sobre todo no outono, coincidindo con celebracións como o San Cosme ou San Martiño, xunto aos produtos de tempada como as castañas e as noces. Dende esta actividade ancestral á actualidade houbo cambios importantes na apicultura, que afectan máis ao sistema de explotación das colmeas que á propia recolección do mel.

De feito, como alimento tradicional, o noso mel ten distintivo de calidade dende o ano 1988 no que foi recoñecida como "produto galego de calidade". As súas características e a súa excelente reputación permitiron a inscrición, no ano 2007, no rexistro europeo das denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas. Esta inscrición supón o recoñecemento en todo o territorio europeo da calidade do mel de Galicia e permite protexela fronte a un uso fraudulento de termos que poidan confundir ao consumidor e ao uso de nomes de bisbarras, municipios ou localidades do territorio galego.

A entidade encargada da defensa da indicación xeográfica protexida Mel de Galicia, a aplicación do seu regulamento, a vixilancia do seu cumprimento, así como o fomento e control da calidade do produto amparado, é o consello regulador da Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia.

Tipos de Mel:

Aínda que o Mel de Galicia é unha denominación única, no seu seo atopamos diferentes sabores, texturas e padais, dependendo das flores que lle dean a súa orixe. Unha gran maioría do mel galego é de milflores. Na súa elaboración non predomina unha orixe concreta e procede das diversas flores dos arredores da colmea. Pero, ademais, en Galicia prodúcense algúns saborosos tipos de mel monofloral.