martes, 22 de enero de 2013

Traballo organiza en Betanzos unha mostra e unha xornada sobre cooperativismo e emprendemento


O director xeral de Traballo e Economía Social, Odilo Martiñá, inaugurou na pasada xornada unha exposición sobre o cooperativismo, que permanecerá aberta ata o xoves no Liceo Casino, en Betanzos (A Coruña). Esta mostra, organizada pola Consellería de Traballo e Benestar, complétase coa xornada ‘Novas oportunidades de emprendemento no sector cooperativo’, tamén celebrada esta mañá.

O director xeral de Traballo e Economía Social inaugurou a xornada

As dúas iniciativas englóbanse nas actuacións da Rede Eusumo, unha rede de colaboración onde participan administracións locais, cooperativas e as súas asociacións, universidades e outros axentes, para unir e coordinar esforzos na promoción da economía social en todo o territorio galego.

Traballo promoverá este ano os programas destinados a xerar novos empregos no eido do cooperativismo

Odilo Martiñá durante a xornada celebrada no día de onte en Betanzos.

A Consellería de Traballo e Benestar promoverá este ano os programas destinados a xerar novos empregos no eido do cooperativismo. Así o avanzou hoxe o director xeral de Traballo e Economía Social, Odilo Martiñá, na inauguración en Ames dunha xornada na que se presentou a nova Oficina de Desenvolvemento Cooperativo da Fundación Feiraco.

Martiñá destacou que as cooperativas están a resultar unha boa alternativa de autoemprego colectivo para aquelas persoas que queren emprender un novo proxecto baseado nos valores de igualdade, axuda mutua e responsabilidade compartida. Explicou, ao respecto, que este feito reverte nun incremento no ritmo de creación de novas empresas de economía social en períodos de crise económica.

Así, expuxo que en Galicia o número de cooperativas activas a peche de 2012 creceu nun 3,13 por cento con respecto a 2009, chegando ás 1.152. Ademais, segundo os últimos datos, as cooperativas agrupan a 90.158 socios e socias e crean un total de 18.649 empregos vinculados de forma directa á economía social, o que supón case un 2 por cento da poboación ocupada.

No caso das sociedades laborais, Martiñá explicou que tamén aumentaron, tanto en número de persoas socias como de empresas. Entre 2009 e 2012 incrementáronse nun 8,62 por cento.