A Cooperativa Sanitaria de Galicia (Cosaga) naceu en 1985 e na actualidade ofrece 13 especialidades médicas e 14 cirúrxicas, ademais dos servizos centrais entre os que se inclúen urxencias, farmacia, fisioterapia, laboratorio de análises clínicas, hospital de día ou anatomía patolóxica.
Once profesionais foron os promotores dunha experiencia de modelo sanitario en réxime de cooperativa que, tres décadas despois, segue mantendo a este hospital como o único de Galicia -e dos poucos en España- con esta fórmula de xestión.
Pero o seu espírito pioneiro vai máis alá da cuestión xurídica. En 1989 foi o primeiro centro sanitario da provincia en ter un escáner para probas diagnósticas por imaxe. Ata esa data non había ningunha instalación, nin pública nin privada, con este equipamento no territorio ourensano e os pacientes que precisaban estas probas eran derivados a Vigo.
O pasado ano este centro, cuxo consello reitor preside José Ignacio Vidal López, tamén foi o primeiro de Galicia en lograr o selo de calidade Excelencia Europea EFQM 300 +. A distinción premia tanto a calidade asistencial como a de xestión en procesos de mellora continua, así como o impacto do seu labor no seu ámbito social a través das colaboracións que mantén con oenegés, fundacións ou a Universidade de Vigo, por exemplo.