O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe o
potencial do medio rural coma un dos grandes activos para afrontar unha nova
etapa de crecemento económico e sinalou coma unha cuestión clave nese ámbito a
potenciación do papel da muller.
O vicepresidente da Xunta clausurou as Xornadas
“Emprendemento e fomento do liderado das mulleres nos órganos de decisión das
cooperativas alimentarias”
Alfonso Rueda clausurou hoxe as Xornadas “Emprendemento e
fomento do liderado das mulleres nos órganos de decisión das cooperativas
agroalimentarias en Galicia”, organizadas pola Asociación Galega de
Cooperativas Agroalimentarias, a Asociación de Mulleres de Cooperativas
Agroalimentarias de España e a Cooperativa de Viticultores Martín Códax.
Na clausura da xornada, Rueda incidiu no compromiso do
Goberno galego co desenvolvemento das mulleres rurais coma algo firme e
constante. Así, o VI Plan Galego de Igualdade, aprobado no mes de febreiro,
aposta especialmente por ligar o desenvolvemento e a innovación na economía
rural ao papel que as mulleres teñan nese proceso.
Así mesmo, unha liña de actuación prioritaria do Goberno
galego pasar por sacarlle partido ao noso rural, entendelo como unha riqueza
potencial e aproveitar tamén o seu capital humano, polo que a potenciación do
papel da muller é unha cuestión clave, xa que a experiencia e os coñecementos
do mundo rural están nunha grande porcentaxe en mans de mulleres, polo que nas
mans delas está a innovación, o desenvolvemento e o futuro deste sector.
Na mesma liña, o titular da vicepresidencia insistiu que non
se pode desaproveitar o potencial das mulleres, polo que é necesario fomentar a
igualdade, introducir medidas de conciliación e potenciar o acceso das mulleres
aos órganos de decisión das cooperativas. As xornadas foron inauguradas pola
secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, polo presidente de AGACA,
José Montes Pérez; polo director-xerente de AGACA, Higinio Mougan; e polo
vicepresidente de Viticultores Martin Codax , Ramón Barral.