viernes, 20 de septiembre de 2013

Cooperativa COREN: Xamón selecto de porcos criados con castañas

O titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, presidiu onte o acto de inauguración das novas instalacións de Coren en Novafrigsa (Lamablanca-Coeses-Lugo) dedicadas ao curado de Xamón Selecta (salas de curado, adegas, desosamento e loncheados), cunha capacidade para 200.000 pezas. Núñez Feijóo destacou que este grupo ten unha facturación de 1.000 millóns de euros e conta con máis de 3.500 socios, grazas ao compromiso que mantén con esta terra e á aposta que realiza pola innovación.

Coren, tras máis de medio século de historia, converteuse na cooperativa agroalimentaria máis importante do Estado. Un grupo líder que conseguiu diversificar as súas liñas de actividade ata gañar presenza sobresaínte nos mercados da avicultura, o porcino e o vacún, co obxectivo de "poñer o mellor a disposición dos consumidores". A actividade da empresa, segundo destacan os seus directivos, caracterízase polo compromiso na seguridade alimentaria a través de estritos controis de calidade e trazabilidade.

O Centro de Procesado de Vacuno Novafrigsa en Lugo, onde se encontran as instalacións, fora inaugurado en 1996 polo entón presidente da Xunta, Manuel Fraga. Ten como función canalizar a produción de vacún das explotacións Coren, a elaboración de friames e cocidos, ademais do curado de xamóns.