jueves, 31 de enero de 2013

FEIRACO volve celebrar o Entroido con todos os galegos


Tras o éxito de acollida da campaña anterior, na que "todas as vacas quixeron ser Feiraco", a Cooperativa ten decido converter esta acción nunha tradición e os envases de leite Feiraco -enteiro, semidesnatado e desnatado- volveranse vestir de Carnaval, cada un coa súa característica cor, nunha edición deseñada especialmente polo Rei Zentolo que xa está dispoñible na maior parte dos puntos de venda. 

Estes peculiares "cigarróns" e "peliqueiros" abrirán o paso dos lineais repartindo máscaras que estarán dispoñibles en seis orixinais modelos, a xogo cos “cubrepalés” e outros elementos decorativos que marcarán o seu territorio. Paralelamente levaranse a cabo varias accións exteriores de promoción como a colocación de carteis e valos coas imaxes da campaña nos distintos circuítos de mobiliario urbano das cidades galegas e outras zonas con longa tradición nestas festas. 

Enlace ao apartado da Oficina de Fomento Cooperativo na web da Mancomunidade Terra de Celanova

http://www.terradecelanova.es/index.php?option=com_content&task=view&id=204

O Auditorio Ilduara acollerá unha mostra de cooperativismo


O Auditorio Municipal Ilduara de Celanova acollerá o próximo mes de febreiro a exposición 'Descobre ás cooperativas', un percorrido dinámico e interactivo polas potencialidades e solucións que ofrece o cooperativismo como modelo empresarial capaz de manter e crear emprego nun contexto de crise económica.

A mostra, que se poderá visitar entre o 26 de febreiro e o 1 de abril, permite coñecer que son as cooperativas e os diferentes tipos, como funcionan, cales son os seus valores ou que pasos hai que dar para a súa constitución e os apoios. Para ampliar a información sobre o modelo de empresas de economía social, a Mancomunidade Terra de Celanova puxo en marcha unha Oficina de Fomento Cooperativo.


Condes de Albarei protagonista na visita a Galicia do embaixador dos EEUU


O Albariño da Cooperativa Adega Condes de Albarei foi o elixido para o xantar que o embaixador compartiu cos principais empresarios galegos.

As cooperativas agrarias galegas facturan máis de 1.500 millóns


En Galicia hai 1.141 cooperativas, das cales 363 son agrarias, é dicir, o 31%, segundo datos consultados polo VI Certame Internacional de Maquinaria Agrícola (Cimag), que se celebrará do 28 de febreiro ao 2 de marzo no recinto feiral de Silleda.

Estas cooperativas facturan máis de 1.500 millóns de euros, o que supón o 7% da facturación total do cooperativismo agrario español. Os seus asociados sitúanse en torno aos 36.800, o que supón o 46% dos cooperativistas de toda Galicia. A Coruña, con 143 entidades, e Lugo, con 118, aglutinan o 72% das cooperativas agrarias da comunidade, mentres que en Pontevedra hai 61 e en Ourense, 41.