jueves, 4 de julio de 2013

Día do Cooperativismo Galego 2013, terá lugar no Centro Cooperativo de Feiraco

O próximo día 6 de xullo celébrase en Pontemaceira (Ames) o Día do Cooperativismo Galego, coincidindo coa conmemoración internacional desta data, que exalta en todo o mundo os valores e principios cooperativos.


Neste ano o acto en Galicia organizarase baixo o lema "a empresa cooperativa avanza forte" perséguese a idea de crear unha maior conciencia sobre a contribución das empresas cooperativas ao desenvolvemento económico e social. Con esta premisa, o acto do Día do Cooperativismo Galego 2013 terá lugar nas instalacións de Feiraco S. Coop. Galega.

No marco do Día do Cooperativismo, no que están chamados a participar os cooperativistas de toda Galicia, levarase a cabo a entrega dos Premios á Cooperación, o Premio á Mellor Iniciativa Cooperativa e os premios do Certame "Cooperativismo no Ensino".

Odilo Martiñá: "As cooperativas teñen un plus de resistencia á crise”

Odilo Martiñá inaugurará mañá ás 10.00 horas no Hotel AC Pazo do Carmen, Santiago de Compostela, o encontro promovido polo Grupo Correo Galego para analizar o cooperativismo como alternativa laboral.

- ¿Considera que as cooperativas son unha solución ao desemprego que xerou a crise?

Sen dúbida, son unha das posibilidades para reducir o número de parados. De feito, dende o ano 2009 estamos a observar que está a crecer de forma importante o número de cooperativas en Galicia. Concretamente experimentouse un incremento do 34%. Tendo en conta que en Galicia hai máis de 90.000 socios de cooperativas. Parécenos unha moi boa forma para xerar emprego.

- ¿Que vantaxes presentan respecto ao resto de sociedades mercantís?

En principio, as cooperativas presentan unha serie de vantaxes de carácter fiscal que se reflicten na tributación do imposto de sociedades. Ademais, os socios teñen unha responsabilidade que se limita ao capital achegado. Á marxe disto, a propia organización empresarial das cooperativas presenta os seus particulares vantaxes ao ser empresas cunha xestión democrática, na que os traballadores son os propietarios, facendo que sexa máis doado acordar fórmulas de viabilidade, eficacia e eficiencia na xestión. Evidentemente as cooperativas compiten no mercado laboral con outras empresas pero a súa fórmula ten un mellor acorde co sistema actual, ao tempo que facilita a conciliación da vida laboral e persoal.

- ¿En canto ao financiamento, teñen as cooperativas máis facilidade á hora de acceder ao crédito público ou ás axudas públicas?

En canto ao financiamento privado teñen as mesmas facilidades ou dificultades que calquera outra empresa. Dende a Consellería de Traballo hai un apoio decidido polas cooperativas e, nese sentido, se que hai unha serie de achegas para favorecer a incorporación de novos traballadores tanto na novas cooperativas como nas xa existentes. Tamén hai un programa de axuda específico para o impulso de proxectos empresariais e cooperativos, é dicir, para aquelas cooperativas que se constitúen por primeira vez. Á marxe disto, levamos a cabo diversos programas para as cooperativas de promoción de actuacións no ámbito de I+D e programas específicos de intercooperación entre as cooperativas para ser máis fortes no mercado competitivo no que estamos.