lunes, 8 de abril de 2013

As Cooperativas do Mel de Galicia


A importancia do mel como alimento remóntase á prehistoria, pois xa nas pinturas rupestres hai evidencias do seu consumo. En culturas antigas como a persa, exipcia, grega ou romana o mel era un produto moi valorado, regalo para os deuses e as clases sociais máis altas. Máis tarde, obxecto de pagamento de tributos e impostos. Os árabes, na Península Ibérica, potenciaron o uso do mel na gastronomía cunha grande variedade de elaborados doces.

A apicultura é unha actividade que forma parte da historia de Galicia. As súas orixes vincúlanse ás producións de autoconsumo do medio rural e a súa expansión está vinculada á influencia dos mosteiros. Un reflexo da súa importancia nalgunhas bisbarras son topónimos como Pena Abelleira, Abelleira, Albariza ou Vilarmel, ou elementos do patrimonio etnográfico como os cortizos ou a crianza das abellas en armarios. Sen dúbida os elementos máis significativos son os albarizas, frecuentes nas montañas do Leste e centro de Galicia, consisten en altos muros de pedra de forma ovalada, circular ou cuadrangular, no interior da cal se colocan as colmeas co fin de protexelas da entrada de animais (principalmente osos) e da climatoloxía adversa.

O mel, como alimento curativo e único adozante do momento, comercializábase sobre todo no outono, coincidindo con celebracións como o San Cosme ou San Martiño, xunto aos produtos de tempada como as castañas e as noces. Dende esta actividade ancestral á actualidade houbo cambios importantes na apicultura, que afectan máis ao sistema de explotación das colmeas que á propia recolección do mel.

De feito, como alimento tradicional, o noso mel ten distintivo de calidade dende o ano 1988 no que foi recoñecida como "produto galego de calidade". As súas características e a súa excelente reputación permitiron a inscrición, no ano 2007, no rexistro europeo das denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas. Esta inscrición supón o recoñecemento en todo o territorio europeo da calidade do mel de Galicia e permite protexela fronte a un uso fraudulento de termos que poidan confundir ao consumidor e ao uso de nomes de bisbarras, municipios ou localidades do territorio galego.

A entidade encargada da defensa da indicación xeográfica protexida Mel de Galicia, a aplicación do seu regulamento, a vixilancia do seu cumprimento, así como o fomento e control da calidade do produto amparado, é o consello regulador da Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia.

Tipos de Mel:

Aínda que o Mel de Galicia é unha denominación única, no seu seo atopamos diferentes sabores, texturas e padais, dependendo das flores que lle dean a súa orixe. Unha gran maioría do mel galego é de milflores. Na súa elaboración non predomina unha orixe concreta e procede das diversas flores dos arredores da colmea. Pero, ademais, en Galicia prodúcense algúns saborosos tipos de mel monofloral.



MILFLORES
As abellas liban o néctar dun amplo abano de especies para produciren un mel con identidade propia. Entre estas flores cóntanse aquelas que teñen capacidade para a produción de meles monoflorais, ás que se lle suman outras moitas que melloran e arredondan o produto. Por iso mesmo, non todo o mel de milflores ten a mesma textura ou o mesmo padal. O mel das zonas costeiras procede da flor do eucalipto e doutras especies coma o salgueiro, ou plantas da familia das boraxináceas, das compostas (dente de león, leitaruga, cardos...), das crucíferas, das leguminosas e das rosáceas. Nas zonas do interior, ademais do castiñeiro, a silva e as queirogas, plantas leguminosas e campanuláceas e, en menor medida, labiadas e crucíferas, condicionan a produción dun mel netamente diferente ó da franxa costeira.


EUCALIPTO
O eucalipto, como resultado das intensivas repoboacións practicadas, marca decisivamente a produción de mel da costa galega. O mel de eucalipto é de cor ámbar, sabor suave e recendos céreos. A zona de produción deste mel esténdese sobre todo nas Rías Baixas, na comarca da Coruña, en Ferrolterra e na Mariña luguesa.


CASTIÑEIRO
Nas comarcas galegas do interior a especie arbórea de maior interese para a elaboración do mel é o castiñeiro. Este mel é escuro, de sabor intenso e fortes recendos á flor. Prodúcese principalmente nos soutos de Lugo e Ourense (destacan as comarcas da Fonsagrada, A Ulloa, os Ancares, o Courel, as Serras de Manzaneda, San Mamede, e Invernadoiro, o Val do Sil, o Bolo, Valdeorras e a raia ourensá). Ademais, na provincia de Pontevedra a principal zona de produción é o Deza e a Terra de Montes. Na provincia da Coruña a zona norte e as comarcas que extreman coa provincia de Lugo son as máis axeitadas para a produción deste mel.


QUEIROGA
Unha gran parte do territorio galego está cuberto de mato. A queiroga é precisamente a planta deste tipo de vexetación que permite unha maior produción de mel monofloral. Elaborado nas zonas de montaña, o mel de queiroga caracterízase pola súa coloración escura con tons vermellos e o seu sabor duradeiro e lixeiramente amargo. Entre as zonas de maior produción deste tipo de mel destacan A Fonsagrada e O Courel (Lugo), a serra da Capelada e a comarca das Pontes, no leste da provincia da Coruña, e as comarcas orientais da provincia de Ourense.


SILVA
A abondosa aparición de matogueira mixta de plantas rosáceas, entre as que sobresaen pola súa presencia as silvas, permite a produción de meles monoflorais. O mel de silva adquire en Galicia cores escuras, sabores fortes e doces, e arrecendos frutais. As principais zonas de produción son o sur da provincia de Lugo (comarcas de Lemos e Sarria), o centro-sur da provincia de Ourense e ocasionalmente algúns lugares da provincia da Coruña.


AS  COOPERATIVAS DO MEL:




A Cooperativa Erica Mel naceu no ano 1990 pola iniciativa dun pequeno grupo de apicultores integrados na Asociación Galega de Apicultura-AGA que, convencidos da extraordinaria calidade dos seus produtos apícolas, buscaron xuntos a mellor vía para facelos chegar ao consumidor. 

Nestes comezos a aportación dos coñecementos e o esforzo persoal dos socios foi determinante. A capacidade ilusionante daquel proxecto, o traballo e a constancia desembocan hoxe nunha cooperativa integrada por mais de 350 socios que da emprego a seis persoas e vende os seus produtos en toda a Comunidade e mesmo en todo o estado. 

O nome da cooperativa é un recoñecemento á erica, a planta melífera galega por excelencia. Está moi extendida polos nosos montes e, dende tempos inmemoriais é a fonte máis xenerosa dos noso meles escuros, que tanta sona alcanzan alén da nosa comunidade. A súas cores características, que van dende o branco da variedade arbórea ate o fermoso violeta da cinérea, enchen de viveza as zonas silvestres donde florecen.


Hai produtores recoñecidos como ecolóxicos que se secundan a iniciativa. Tamén se suman socios dalgunhas cooperativas, como a lucense Cauru-Quiroga, do Caurel.

As maiores producións saen dos concellos de maior tradición apícola, como Quiroga, A Pobra do Brollón ou Sober. E dentro destes municipios, nas paraxes de maior riqueza botánica, temperaturas máis suaves e menos densidade de produción agrícola ou gandeira.



O mel de Serra do Xurés é un mel escuro procedente de flores silvestres do monte, como: breixos, carballo, castaño e silveiras. Ten un sabor doce con compoñentes salgados dependendo da predominancia de cada especie floral.


A Sociedade Cooperativa Condado-Paradanta é unha cooperativa agraria de recente creación froito dunha idea colectiva, do desexo de comercializar dous produtos da nosa bisbarra, tradicionais ao mesmo tempo que deliciosos, "Queixo de As Neves" e " Mel Condado-Paradanta" dos nosos montes, que ata entón, aínda que amplamente coñecidos eran de escasa e heteroxénea produción.

A actividade céntrase basicamente na elaboración do queixo popularmente coñecido como "Requesón dás Neves" e a extracción e envasado do mel. 


No hay comentarios: