lunes, 18 de febrero de 2013

A Mancomunidade Terra de Celanova anima a cultivar oliveiras e castiñeiros.


A Mancomunidade Terra de Celanova inicia hoxe en Quintela de Leirado un ciclo de actividades informativas para a promoción e fomento do cooperativismo no medio rural. 'O que se pretende é que a xente coñeza ás posibilidades de aproveitamento dos nosos  recursos a través do cooperativismo ou do autoemprego', explica José Antonio Pérez Cortés, presidente da Mancomunidade e alcalde de Quintela.

Un terreo de castiñeiros, cuxa explotacion quere fomentar a Mancomunidade Terra de Celanova.

Precisamente neste concello do rural celanovés impartirase hoxe luns, ás cinco da tarde, a primeira charla 'O aproveitamento da castaña baixo a fórmula cooperativa'. O reto marcado dende a Oficina de Fomento Cooperativo do ente supramunicipal é informar a propietarios de terreos con castiñeiros do valor potencial do terreo e fomentar a comercialización do produto que, 'segundo os datos de 2012, recolléronse en Galicia entre 15.000 e 25.000 toneladas de castañas cun valor estimado de entre 30 a 40 millóns de euros', asegura Pérez e apunta que ' se outras bisbarras poden sacarlle rendibilidade, nós tamén'.

De cara ao mes de abril, a temática versará sobre o cultivo de oliveirais. A comarca, explica Pérez Cortés, 'reúne ás condicións para dito cultivo e xa hai algúns particulares que plantaron os primeiros olivares'. Neste proxecto, destacaba o presidente da Mancomunidade, contarase coa colaboración da empresa ourensana Aceites Abril, que realizará análise da terra para coñecer a súa idoneidade e facilitar a súa implantación.