A crise está a obrigar en Lugo moitos traballadores no paro
a emigrar ou a quedar e loitar por conseguir saír adiante con algún proxecto
empresarial. Os que o intentan teñen graves dificultades cos créditos
bancarios, pero aqueles que si poden dispoñer de diñeiro (principalmente os que
recibiron unha liquidación polo despedimento) teñen unha opción a través da
Rede EuSumo, impulsada pola Consellería de Traballo e na que participan varios
concellos, colectivos e empresas. Na provincia de Lugo participan 17 concellos
e Caixa Rural Galega.
O obxectivo das empresas que utilicen esta vía é o de
fomentar o cooperativismo local e comarcal, ademais de axudar á economía
social, con especial atención ao emprendimiento e á creación e consolidación de
emprego. As persoas que se sumen a esta vía laboral recibirán información,
formación, orientación e asesoramento sobre a constitución dunha cooperativa;
ademais de recibir instalacións para albergar o inicio dos proxectos. Os
proxectos son guiados por especialistas, que acompañan en todo momento o
proxecto cooperativista.
Calquera persoa que desexe crea unha cooperativa pode
solicitar o asesoramento dos centros que forman a Rede EuSumo, chamando ao
teléfono 670 016 473, onde se lle indicará cal é o centro de asesoramento máis
próximo ao seu domicilio. No caso do Concello de Lugo é a Oficina de Fomento
Cooperativo de Lugo, no CEI-Nodus, en Garabolos.