lunes, 1 de julio de 2013

A cooperativa viguesa ‘O Cable inglés’ recibirá un premio polo seu traballo de difusión dos valores cooperativos

A cooperativa viguesa ‘O Cable Inglés’ recibirá o premio aos ‘Valores Cooperativos 2013’ polo fomento da fórmula cooperativa para atender novas demandas sociais. Este galardón enmárcase dentro do certame anual dos Premios á Cooperación 2013, promovido polo Consello Galego de Cooperativas ao amparo da celebración do Día do Cooperativismo galego. Entregarase este sábado, 6 de xullo, coincidindo coa celebración desta efeméride, que terá lugar nas instalacións de Feiraco en Pontemaceira, Ames (A Coruña).

Os premios anuais ao cooperativismo pretenden fomentar o asentamento da cultura cooperativa en Galicia e recoñecen publicamente o traballo, a innovación e o espírito de cooperación que se leva a cabo en diferentes ámbitos da economía rexional. O certame premia o traballo de persoas e entidades no eido do cooperativismo co fin de procurar emprego estable ou poñer en valor os recursos naturais existentes para favorecer a economía social.

Esta empresa, creada en 2010, naceu coa idea de dar unha resposta integral ás demandas culturais propoñendo solucións culturais a medida, integrando os servizos necesarios para cada experiencia, como exposicións, xornadas ou festivais de música. Está composta por catro socios e ofrece apoio para a xestión, produción, comunicación e deseño de proxectos culturais.

Baixo a fórmula de traballo asociado, dáse resposta a demandas concretas en fotografía, ilustración, animación, son, artes escénicas, pedagoxía, tradución ou interpretación, posibilitando un amplo catálogo de servizos que poden ser contratados de xeito integral ou individualizado polo cliente.

O Cable Inglés está a traballar en varios proxectos de índole cultural, como o Tira do Cable, que pretende xuntar historias, anécdotas, experiencias, documentos, fotografías e filmacións da presenza desta empresa en Vigo e Galicia. O resultado deste traballo conformará unha exposición no Museo do Mar da cidade olívica.

Ademais, está a traballar no festival Émundial, que terá lugar en Vigo en colaboración co Art Institute de Nova York, e que promove a cultura de lingua portuguesa no estranxeiro. Tamén colaborará co Instituto Camoes, a casa Galega da Cultura, a Casa das Artes, a Biblioteca Central, o Museo de arte Contemporáneo e o Centro Municipal de Formación de Novas Tecnoloxías da Información e Comunicación, para converter esta cidade nun referente cultural.

No desenvolvemento dos seus proxectos, os socios vinculan o seu traballo á defensa da lingua e cultura propias, buscando contribuír a fortalecer o patrimonio cultural galego, dentro e fóra de Galicia, promovendo o uso desta lingua e fomentado actividades que descubran e potencien a cultura.

A cidade viguesa conta con preto de 120 empresas cooperativas, mentres que a provincia de Pontevedra suma un total de 324.

O Consello Galego de Cooperativas premia unha iniciativa empresarial para vender faba de Lourenzá

A cooperativa lucense Val de Lourenzá será premiada no concurso ‘Iniciativas Cooperativas 2013’, enmarcado na celebración do Día do Cooperativismo Galego 2013, polo seu proxecto para a comercialización e produción da faba de Lourenzá en forma cooperativa.

Val de Lourenzá compartirá o premio coa empresa ourensá Proxecto Coop, cuxa idea consiste na creación dunha firma de servizos sociais a través da que se ofertan servizos básicos de atención destinados a persoas que non poidan valerse por si mesmas.

Os premios á Iniciativa Cooperativa 2013 teñen como finalidade estimular o lanzamento de proxectos empresariais constituídos baixo a fórmula cooperativa. O concurso de iniciativas ten un carácter anual e busca recoñecer o traballo de persoas e entidades neste eido co fin de procurar emprego estable ou poñer en valor os recursos naturais existentes para favorecer a economía social.

Os galardóns serán entregados este sábado, 6 de xullo, coincidindo coa celebración do Día do Cooperativismo Galego 2013 que terá lugar nas instalacións da Sociedade Cooperativa Feiraco en Pontemaceira, Ames (A Coruña).

O proxecto de Val de Lourenzá, aínda sen desenvolver, pasa por crear unha cooperativa de fabricantes da comarca da Mariña Central que permita comercializar a faba dos concellos produtores da zona a un prezo competitivo en consonancia coa súa calidade, recoñecida co selo de Indicación Xeográfica Protexida.

A forma de cooperativa garantirá un volume de produción óptimo para cubrir a demanda, ademais de beneficiar á apertura a novos mercados e o incremento de novas liñas de produtos de base leguminosa.

O cooperativismo na zona suporá unha importante oportunidade para os pequenos produtores da faba. A leguminosa de Lourenzá ten o seu mellor escaparate na celebración anual da Festa da Faba.

fonte: Novas Xunta de Galicia

Un curso ensina claves para innovar nas cooperativas

Ofrecer aos membros de cooperativas as claves para innovar nos seus negocios é o obxectivo dun curso que preparan a Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (Agaca) e a Fundación Coren. Nel, os asistentes aprenderán tamén como identificar aqueles aspectos nos que é útil a innovación, como realizar proxectos de I+D, obter certificacións e patentes ou acceder a axudas e redes de colaboración empresarial.

O curso desenvolverase os días 10 e 17 de xullo, en horario de mañá, na sede da Fundación Coren en Rezamonde (Cenlle). As clases serán impartidas por Marta Núñez, do departamento de I+D de Agaca.

A inscrición pódese realizar a través do correo electrónico agaca@agaca.coop, ou dos números de teléfono 981 584 783 e 981 584 911.

fonte: La Región