viernes, 28 de junio de 2013

Manuel Gómez-Franqueira Álvarez: «Galicia debe volver á economía real e a do sector alimentario éo»

Coren, a cooperativa das cooperativas, presume de aguantar o envite da crise cunha produción en lixeiro crecemento e unha facturación que se mantén en torno aos 1.000 millóns. Son cifras que a converten na grande empresa ourensana con 3.500 empregados e máis de 6.000 cooperativistas. Manuel Gómez-Franqueira (Castrelo de Miño, 1947), o seu conselleiro delegado, avoga por un clúster agroalimentario para non depender tanto de mercados externos. «Todo o que se producira en Galicia chegaría apenas para unha cuarta parte do que necesita Coren».

-«¿Seis mil familias coidando da súa» é o seu slogan. Poderá manterse no tempo?

-Temos que mantelo e fortalecelo. Hai que seguir exportando e facendo novos produtos para que dean máis riqueza á implantación de Coren, que é un proxecto 100% galego e cunha vintena de plantas na comunidade.

-¿Tiveron nalgún momento a tentación de deslocalizarse?

-Hai materia prima que traemos de fóra. Estamos nunha zona que non ten esa materia prima que necesitamos. Sería bo para o desenvolvemento non ter que depender doutros países. Fóra tan só imos vender.

-¿O seu modelo de cooperativismo segue intacto?

-A gran vantaxe é que todos son partícipes da industria. Esa unidade e esa economía de escala que permite estar baixo o paraugas de Coren é a que dá fortaleza a esas pequenas cooperativas. A unidade fai a forza e todo se construíu a base de xerar confianza e de manter resultados bos e con permanencia no tempo. Coren pasou de 2.000 polos á semana nos sesenta a un millón agora. Iso é o que xera confianza no cooperativista.

-¿É vostede un defensor de que o sector agroalimentario debe liderar a recuperación de Galicia, aínda o ve posible?

-Antes do 2008 todos coñecemos unha economía que non era real e que non dá sustentabilidad a un país. Agora Galicia debe volver á economía real de empresas baseadas en emprego, traballo e en vender. E nesa economía real o sector alimentario debe ser o principio.

-¿Hai unha corrente de optimismo sobre o fin da crise. Que opinión ten ao respecto?

-Hai unha dobre opinión. Unha a xeral e outra o noso día a día en Coren. Eu diría que nos dous últimos meses hai un tirón forte no consumo. A nivel xeral, polo que falas con empresarios dá a sensación de que os peores meses xa pasaron, pero aínda é prematuro.

-Imaxino que non será alleo ás especulacións sobre se Coren pode ser a próxima Pescanova. ¿Hai algo de certo?


-Serán rumores. Son referentes diferentes. O noso endebedamento está en 137 millóns e é asumible, e o de Pescanova xa se coñece. Fixemos os nosos investimentos antes da crise e están amortizadas. Estamos saneados e nun sector que consume produtos de primeira necesidade. ¿Que pode haber comentarios? Nós temos que estar á marxe.

fonte: La Voz de Galicia

AGACA e Intercoop abren 4 oficinas de apoio ao emprendedor rural

A Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA), en colaboración coa Fundación Intercoop (Castelló), puxo en marcha as Oficinas de Apoio a Emprendedores Rurais en Galicia, tal e como estaba establecido no proxecto BIOES2 que se está a xestionar dende o ano 2010. En total, a través deste proxecto, ábrense catro oficinas, dous en Galicia, nas provincias da Coruña e Pontevedra, e outras dúas na provincia de Castelló (Comunidade Valenciana), dende as que se pretende orientar os emprendedores rurais desas zonas sobre o desenvolvemento de ideas de negocio, a partir dos recursos propios de cada lugar.

A idea é que estas oficinas sexan un punto de partida para que tanto os emprendedores locais, coma as persoas que simplemente sentan inquietude por xerar algún tipo de negocio rural, poidan encontrar nelas a información necesaria acerca de como facelo, aproveitando o valor dos recursos propios de cada territorio.

Para poder xestionar e situar as oficinas contouse coa colaboración de catro entidades privadas que ceden o seu espazo ao proxecto para que os habitantes da zona poidan ter un punto físico de referencia e saber onde acudir.

En Galicia, as cooperativas Campodeza, situada en Gresande - Lalín (Pontevedra), e Agraria Comarcal de Ordes (A Coruña) son as entidades que facilitan as súas instalacións para dinamizar o emprendimiento rural.

Pola súa banda, na provincia de Castelló, as entidades colaboradoras son a Cooperativa de Viver, situada na mesma localidade, e a empresa Desenvolvemento Rural Les Clapisses con sede no CEDES de Morella.

As catro oficinas xa están a funcionar e están identificadas cun cartel do proxecto para a súa doada localización.