jueves, 1 de diciembre de 2016

Escolares celanoveses, contra o illamento dos maiores

Unha sociedade cooperativa que pon solución á problemática da soidade dos anciáns en España, onde máis de sete millóns de persoas superan os 65 anos de idade e deles un 20% viven sós, foi o proxecto gañador da primeira edición do "Concurso de creación de empresas de base social" impulsado pola Mancomunidade Terra de Celanova, entidade conformada polos concellos da Merca, Cartelle, Celanova, Gomesende, Pontedeva, Quintela de Leirado, Ramirás e Verea.

O certame, que naceu co obxectivo de promover a cultura emprendedora de base social na comarca e fomentar así a creación de proxectos empresariais, contou coa participación dun total de 87 mozos con idades comprendidas entre os 11 e 29 anos, que presentaron unha vintena de proxectos relacionados cos servizos sociais, a agricultura e gandería, o aproveitamento forestal ou o turismo.

A orixinalidade, o desenvolvemento do proxecto, a súa viabilidade e a base social que afecta a un alto índice de maiores no rural ourensán fixo que o primeiro premio fose para "eViejing" (emulando un coñecido portal web para atopar parella), a proposta de seis alumnos de Segundo da ESO do colexio Sacro Corazón da vila de San Rosendo.

Evitar o illamento

Trátase dun proxecto que, de levar á práctica, axuntaría actividades lúdico-deportivas con xornadas formativas, actividades de sociabilización ou viaxes, "coa finalidade última de crear un punto de encontro físico para os nosos maiores e que así consigan establecer vínculos afectivos con outras persoas da súa idade co obxectivo de reducir ao máximo o illamento e o desamparo", explica Alba Pérez Montero, técnica da Oficina de Fomento Cooperativo do organismo supramunicipal.

Precisamente os datos sobre o envellecemento na comarca, onde os maiores de 65 anos representan o 41,7% da poboación, e as impactantes noticias sobre o achado de anciáns falecidos no interior das súas vivendas foron un desencadenamento para que Martín Pérez, José Miguel Villanueva, Santiago González, Xian Martínez, Cristina Casal e Jesús Veloso decantásense por un servizo lúdico-cultural para a terceira idade. "É unha pena que estean sós e que pasen estas cousas", lamentaba Jesús Veloso, ao que o seu compañeiro Santiago González engadía que "queremos que non vivan illados, que socialicen con outra xente, que se divirtan en actividades e excursións e, se é posible, que atopen o amor".

A posibilidade de emprender un negocio propio é un proxecto que aínda ven como "algo moi afastado" estes mozos de 13 e 14 anos, pero con algún autónomo na familia, é algo que non descartan do todo porque "é gratificante, fortaleceríame como persoa e tamén se supón que tería máis beneficios", comenta Cristina Casal, aínda que recoñece que o acceso ao financiamento é un aspecto que lles preocupa. "Un negocio custa moito diñeiro e tamén moitas horas", matizaba Xian Martínez.



Concurso de Creación de Empresas de Base Social (convocatoria e resolución premio)




Funcións da Oficina de Fomento Cooperativo