Emilio Duró Pamies é Licenciado
en Ciencias Económicas e Máster en Administración de Empresas pola Escola
Superior de Administración e Dirección de Empresas (ESADE) e Licenciado en
Ciencias Económicas pola Universidade Autónoma de Barcelona. Foi Profesor
Colaborador de distintas Universidades. É un prestixioso consultor e é un
conferenciante internacional.
Dedica unha parte importante do seu tempo ao
estudo da aprendizaxe nas idades máis temperás. É un fervente convencido de que
é na familia e durante os primeiros anos de vida, cando se desenvolven os
aspectos máis importantes da personalidade e dos factores que determinan o
comportamento futuro do individuo. Isto permítelle demostrar a través de
experiencias e anécdotas que os fracasos profesionais raramente se deben a
causas técnicas e si ao desenvolvemento emocional.
Nun vídeo que arrasa na Rede, Emilio Duró conta
que foi aos 32 anos (hoxe ten 51) cando lle cambiou o chip vital. Era
directivo nunha importante empresa de iogures e un día tivo un bo susto. Cando ía na ambulancia, pensou:
«Mira que se te morres por culpa dos resultados do iogur desnatado...». A
partir de aí este consultor, que traballa para destacadas empresas do país,
empezou a reflexionar sobre a felicidade. E sobre como xestionar o optimismo e
a ilusión en épocas de cambio do que nos fixo partícipes na conferencia que
realizou, fai duas semanas, no edificio da Deputación de Ourense dentro do
congreso Ideas e Personas promovido polo Foro La Región.
A mal tempo hai que poñer boa cara? «Ben, non
tanto -contesta-. Eu veño dun mundo empresarial e colocóuseme a etiqueta de
optimismo, pero non é o meu traballo. O que vou é a intentar conversar cos
asistentes e ver como podemos saír desta situación que temos. É hora de deixar
de queixarnos e poñernos a traballar». Como di, «a vida é unha carreira cara á
morte, e co curta que é, temos que sacar o máximo proveito dela, vivir do
presente, porque os problemas graves na vida veñen un martes ás tres da tarde,
cando menos o esperas». «Eu son como todo o mundo -engade-, hai días que me
como a vida e outros que a vida me come a min. Hai días que estou feliz e
outros que non me levantaría. Aquí a pedra filosofal non a ten ninguén.
Intentámolo con mellor ou peor fortuna».
Pero o que si ten claro é que os tempos que
estamos a vivir «son como calquera outra etapa que tivemos». «É certo que
estamos a pasar unha situación económica difícil, pero foi peor a que pasaron
os nosos avós, bisavós e pais -afirma-. Co cal intento non dramatizar a vida. O
tema do optimismo non vén tanto en sorrir, senón en como afrontas a vida. Hai
xente que afronta a parte do que se pode facer, afronta o presente, e é á que
se denomina optimista, e hai xente que busca culpables, a pesimista. Como o
pasado non se pode cambiar, dende el pódese observar, pero non nos pode
condicionar os feitos futuros. Os modelos que levamos ata hoxe non van servir. Debemos
facer un proceso de desaprendizaxe, de adaptación, porque, por exemplo, non
podemos pensar que o turismo de Galicia pode ser dirixido como hai trinta
anos».
Duró non está de acordo en que os cidadáns só
sexan vítimas desta crise. «Hai persoas que co mesmo traballo que outras son
máis felices, ou hai xente que ten o mesmo establecemento e lle vai mellor que
ao do lado, o que di que algo teremos que facer nós a nivel individual. A frase
suspendéronme» ten que substituírse por «suspendín». Porque se suspendiches,
podes aprobar. Se te suspenderon, non podes facer nada. Creo que culpa non ten
a ninguén. O que temos é a responsabilidade de cambialo... A min encantoume o
presidente de Mercadona cando dixo que é hora de poñerse a traballar. É que non
traballamos? «É certo que si, pero polos resultados que estamos a ter quizais
non imos na dirección axeitada. Se ti levas dez anos suspendendo un exame,
terás que cambiar de temario ou de materia».
Debemos subir o «nivel medio» do
coeficiente de optimismo, algo difícil, como recoñece, por exemplo, para unha
persoa que está no paro e con fillos. «É moi difícil dar consellos a ninguén, e sobre todo cando a vida non te
vai como queres, é máis difícil ver a parte positiva -subliña-. Pero
sabemos que somos os elixidos de millóns de anos de evolución. Entón a esa
persoa, que lle vou dicir? Pois
ben, o primeiro é que a pena non educa. Dicirlle pobriño non serve para nada,
só para desmoralizalo. Ante esta circunstancia, collamos o touro polos cornos e
a ver que podemos facer».
No hay comentarios:
Publicar un comentario