miércoles, 14 de noviembre de 2012

A Escola Cooperativa Móbil estará na cidade de Lugo durante dúas semanas.

Os estudantes do Instituto de Educación Secundaria (IES) de Sanxillao de Lugo e do CIFP Politécnico de Lugo participarán nun proxecto que lles ensina todas as vantaxes do modelo cooperativo como saída laboral para sacar adiante iniciativas emprendedoras, dentro da campaña “Cooperativízate. Suma Forzas!” levada a cabo pola Consellería de Traballo.

A Escola Cooperativa Móbil é unha iniciativa de divulgación desenvolvida pola Consellería de Traballo e Benestar, a través da Dirección Xeral de Relacións Laborais, que consiste nunha aula itinerante que forma parte da campaña de divulgación das potencialidades do cooperativismo entre a mocidade, e onde dita aula viaxará por centros educativos de toda Galicia.


Trátase dunha campaña que xa funcionou no curso 2010-2011 e que se volve a repetir polo éxito que tivo no periodo anterior. Está orientada principalmente aos rapaces de últimos cursos que van rematar os estudos e en moitos casos queren traballar, pero pola situación actual ou pola idade non atopan traballo. O obxectivo é chegar a estes rapaces e ofrecerlles unha alternativa a través das cooperativas.

A Escola Cooperativa Móbil estará do 12 ao 16 de Novembro no IES Sanxillao e do 19 ao 23 de Novembro no CIFP Politécnico de Lugo. Ademais da cidade de Lugo, a aula estará en varias localidades da provincia ao longo do curso escolar, onde se ofrecerá a información máis actualizada e completa sobre o cooperativismo, orientación especializada por parte de técnicos especializados e un programa de actividades moi atractivo, co obxectivo de situar nun primeiro plano o cooperativismo como unha opción laboral de futuro.

Os monitores da Escola Cooperativa Móbil, que estará ubicada nas inmediacións do IES Sanxillao na primeira semana (na Rúa Vila Verde) e no parque de Rosalía de Castro na segunda semana, ensinarán aos alumnos as vantaxes do cooperativismo, mediante sesións prácticas, coa finalidade de transmitir aos participantes dun xeito ameno e atractivo, os valores do cooperativismo, as habilidades sociais cooperativas, os pasos necesarios para crear unha cooperativa, así como a análise de casos de cooperativas de éxito.

A Escola Móbil xa pasou por Ferrol e diferentes localidades de provincia de Ourense, achegándose a un número moi amplo de estudantes interesados polo cooperativismo. A aula achegarase a máis de 25 centros de todo o territorio galego e rematará o seu percorrido cun acto de clausura en Santiago de Compostela en Maio do 2013.

No hay comentarios: