jueves, 29 de noviembre de 2012

O Consello Galego de Cooperativas Participou na Feira Expo 2012 en Manchester

Trátase do evento central do Ano Internacional das Cooperativas e, á súa vez, da feira máis importante do mundo destinada a promover os produtos e servizos cooperativos.

Como resultado desta visita agárdase promover a internacionalización e intercooperación, así como as relacións institucionais para o impulso do cooperativismo.

A participación neste tipo de feiras é unha das actividades previstas no marco do proxecto Coopera +, cofinanciado polo Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal 2007-2013, do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, dentro do paquete de actividades de apoio á internacionalización das cooperativas da Eurorrexión.


A Dirección Xeral de Relacións Laborais, pertencente á Consellería de Traballo e Benestar, xunto co Consello Galego de Cooperativas e os restantes socios do proxecto ‘Coopera +’, así coma as asociacións representativas do sector cooperativo galego, participou na feira Expo 2012, organizada pola Alianza Internacional de Cooperativas en Manchester.

Con motivo da celebración do Ano Internacional das Cooperativas, declarado así pola ONU, estanse a celebrar unha serie de iniciativas en todo o mundo, promovidas por organizacións e institucións de diferentes ámbitos que gardan relación co cooperativismo.

Neste caso, trátase do evento central do Ano Internacional das Cooperativas e á súa vez da feira mais importante do mundo destinada a promover os produtos e servizos cooperativos. Nela participaron cooperativas de distintos sectores, organizacións de apoio ao sector cooperativo tanto públicas como privadas e proveedores e público destinatario dos produtos e servizos cooperativos.

Como resultado desta visita agárdase promover a internacionalización e intercooperación, así como as relacións institucionais para o impulso do cooperativismo, ademais de acadar información suficiente para seleccionar os mercados internacionais máis adecuados para os produtos e servizos do sector cooperativo galego.

Doutra banda, esta actividade virá a completar os resultados xa acadados durante a celebración do Encontro Internacional Cooperativo, que tivo lugar en Santiago de Compostela no pasado mes de xullo, e no que se presentaron experiencias de boas prácticas nos aspectos económicos e sociais, co obxecto de coñecer de primeira man distintas realidades e enfoques que destacan pola posta en práctica de valores cooperativos e no que participaron relatores e entidades de todo mundo.



Proxecto Coopera +
A participación neste tipo de feiras é unha das actividades previstas no marco do proxecto Coopera +, (Cooperación na Dinamización do Tecido Produtivo mediante o fomento do Cooperativismo) cofinanciado polo Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal 2007-2013, do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, dentro do paquete de actividades de apoio á internacionalización das cooperativas da Eurorrexión.

O proxecto Coopera +, que se está a executar da man da Rede Eusumo, persegue promover o sector da economía social en todo o territorio da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e impulsar a súa presenza destacada no mesmo, priorizando as accións de formación, divulgación e asesoramento para o autoemprego colectivo. O proxecto está promovido pola Dirección Xeral de Relacións Laborais, xunto con outros catro socios, que son: Associação de Desenvolvimento da Região do Alto Tâmega, a Cámara de Comercio de Vigo, a Associação Empresarial de Viana do Castelo e a Universidade Católica Portuguesa.

Así mesmo, conta coa participación doutras entidades asociadas, como son: o Consello Galego de Cooperativas, a Unión de Cooperativas Asociación Gallega de Cooperativas Agrarias – AGACA; a Federación de Empresas Cooperativas Sinerxia; a Unión de Cooperativas de Traballo Asociado – UGACOTA e a Unión de Cooperativas de Ensino de Traballo Asociado – UCE-TAG.

Pola súa banda, a Rede Eusumo configurarase como un instrumento de acción descentralizada, constituída por todas aquelas entidades sociais, administracións locais e outros centros colaboradores, todos relacionados co desenvolvemento cooperativo e da economía social que desexen formar parte e que formalicen a cooperación coa Dirección Xeral de Relacións Laborais da Consellería de Traballo e Benestar.

No hay comentarios: