miércoles, 30 de enero de 2013

As cooperativas no sector da flor cortada en Galicia

A produción de flor cortada en Galicia tivo un forte incremento na década dos 80, cando empezaron as súas actividades as máis importantes cooperativas e empresas produtoras e comercializadoras da actualidade. Motivados pola alta demanda e subvencións para o investimento en invernadoiros, moitos agricultores inícianse na actividade.

Entón, a produción de flor cortada caracterizábase por unha estrutura minifundista, con man de obra familiar. Os agricultores buscaron asociarse en Cooperativas co fin de concentrar a oferta e obter así mellores condicións de comercialización.

Caravel e clavelina foron por moitos anos as flores máis producidas en Galicia, en especial entre maio e outubro, cando a produción no sur de España diminúe debido ás altas temperaturas. Co paso do tempo a rosa convértese nun cultivo de moita importancia, seguido de bulbos, como gladíolos e lilium, xerberas e, máis recentemente, o crisantemo.

Hoxe en día, o sector de flor cortada en Galicia está dividido entre cooperativas de pequenos agricultores, que manteñen unha tecnoloxía e un abano de especies bastante tradicional, e empresas produtoras, que están a investir en modernas tecnoloxías de produción e climatización de invernadoiros e novas especies e variedades.

A esta panorámica súmase a recente crise no mercado Europeo de flor cortada, que nos últimos anos sufriu un baixón de prezos influenciado pola situación da economía en países tradicionalmente consumidores, como Alemaña e Francia, así como pola forte competencia de produtos importados de países africanos e Sudamérica.

Estrutura cooperativa:
O modelo cooperativista tivo un forte impulso a mediados dos 80, coincidindo co período de crecemento da superficie de produción en invernadoiros. En función de características como minifundismo e necesidade de novos mercados, a estrutura cooperativista encaixou perfectamente co modelo produtivo existente en Galicia. As cooperativas pasaron a asumir o papel de comercializadoras, operadoras loxísticas, provedoras de insumos para a produción, en moito casos suplindo as necesidades de información técnicas, capacitación, planificación de produción e elección de variedades.

- Hortoflor 2 - Sociedade Cooperativa Limitada: Nace en 1984 da man dun grupo de 27 agricultores de Ourense.

Na actualidade, compoñen a cooperativa máis de 200 socios, 100 colaboradores asociados distribuídos en 40 concellos e dous países. Dedícase á produción de máis de 60 especies de flor cortada, como caravel, mini caravel, xerbera, gladíolo, lilium, crisantemo, rosa,estatice, gypsophila, iris, fresia, limonium ou alstroemeria. Tamén se dedica á produción de hortalizas. A empresa obtivo o certificado de xestión da calidade ISO 9001:2000.

Agroflor SCL - Empresa cooperativista situada en Narón - (A Coruña) fundada en 1985. Conta cun centenar de socios con aproximadamente 150.000 m2. As explotacións dos socios están distribuídas no norte da Coruña. As principais especies producidas e comercializadas por Agroflor son: caravel, clavelina e xerbera.


A súa principal estratexia é producir flores tradicionais, en época do ano na que non hai ofertas significativas noutras zonas, en especial no sur de España, utilizando as condicións de clima suave do Norte de Galicia. O principal mercado da empresa é España, con exportacións ocasionais a outros países de Europa.

Segundo César Vizoso Rodríguez, xerente de Agroflor, o sector sofre unha forte retracción de prezos, aínda que as florarías non traspasan esta situación ao consumidor final. A competencia da flor importada de Ecuador e Colombia é outro factor que dificulta o desenvolvemento do sector. Segundo Vizoso, unha alternativa interesante é buscar acordos coas cadeas de grandes superficies que teñen unha gran capacidade de fomentar o consumo; así se pode obter unha mellor estabilidade nas vendas durante todo o ano.


- Flor Barces- é unha pequena, mais activa cooperativa de produtores de flor cortada que empezou as súas actividades en 1991. Situada en Abegondo, conta con 12 socios que se dedican producir caravel, clavelina, rosa, gypsophila, lilium, xerbera, gladíolo,solidazo, estatice e verdes de corte. Utiliza a mesma estratexia das demais cooperativas de concentrar a colleita nos meses de verán, especialmente entre maio e outubro.

As superficies medias de produción non superan os 3.000 m2 por agricultor e a man de obra está composta polos propios integrantes das familias. Actualmente nótase a influencia das novas xeracións, que están a introducir novas tecnoloxías como o cultivo en substrato, climatización de invernadoiros e novas variedades. Un exemplo encontrámolo na empresa Floricultores Pose, onde Ismael Pose Bocija, fillo dos fundadores, é responsable pola introdución das novas tecnoloxías e investigación con novos produtos.

A Cooperativa encárgase da venda e distribución da produción; en determinadas épocas do ano chegan a comprar flores doutras rexións para atender ás demandas dos seus clientes.

Produtores non asociados:
Antonio Belmont, de Bergondo, e Francisco Naveira, de Naveira Flor, son dous agricultores que dedican toda a súa vida profesional á produción e comercialización de flor cortada, en especial as propagadas por bulbos como lilium e tulipán. Ao contrario de moitas outras empresas en Galicia, as súas explotacións son de tamaño mediano, e non participan de ningún sistema cooperativista. A planificación da produción e comercialización realízanse individualmente en cada empresa.

Antonio Belmont comercializa a súa produción na Coruña e Ferrol, e ten un axente en Madrid. En inverno, debido ás dificultades para producir en Galicia, chega a comprar flores de provedores de Andalucía para atender aos seus clientes durante a parada invernal.

O lilium é a principal especie producida, tanto Oriental, Asiático, L.A. e Longiflorum. Co fin de solucionar o problema do desenvolvemento de Botrytis e prolongar o período de produción, Antonio Belmontinvestiu nun invernadoiro de cristal con luz de asimilación, que no seu momento foi un dos máis modernos de Galicia. As principais variedades producidas son (1) Asiáticos: Castello, Navona, Polyana,Tresor e Prato; (2) Orientais: Mero Star, Acapulco, Siberia eVespuchio; (3) L.A: CEB Dazzle, Salmon Classic e Royal Trinity. A produción de tulipáns entra como alternativa para os períodos de inverno.

Flores Toxal, un exemplo de empresa innovadora:
Flores Toxal S.L. é unha empresa situada na Garda (Pontevedra) dedicada á produción e comercialización de 20 especies distintas de flor cortada de produción propia ou importada de Portugal, Colombia, Ecuador e Brasil.

En 1987, os cinco socios actuais da empresa, José Ramón Amorín,Manuel González, Cesar González, Julio Martínez, e Xaquín Portela, constitúen Flores Toxal nun pequeno terreo de 3.000 m2, sen subministración eléctrica, liña telefónica, nin pista asfaltada de acceso.

Segundo Anxo Patiño, responsable técnico da empresa, despois de 16 anos de traballo constante, o terreo consta de 50.000 m2. Para conseguilo compraron ao redor de 130 terreos particulares, o que dá idea do gran traballo de investigación da propiedade, capacidade de negociación e determinación para reinvestir os beneficios na empresa. Desta superficie, 30.000 m2 están cubertos de invernadoiros. A empresa inviste nas últimas tecnoloxías de produción, calefacción, pantallas térmicas, ventilación cenital e fertirrigación automatizada.

As principais especies producidas son rosa -cunhas 10.000 m2 de invernadoiros-, xerbera -7.000 m2 de moderno cultivo hidropónico-, flores de bulbos como lilium, gladíolo, iris e tulipán -cuns 9.000 m2 de superficie cuberta e 15.000 m2 ao aire libre- e caraveis -4.000 m2 de invernadoiros.

Novo invernadoiro de cristal para produción de crisantemos:
Segundo Patiño, no seu afán de acometer novos proxectos innovadores no sector ornamental, Flores Toxal empezou a construír en 2004, un invernadoiro de vidro de 5.500 m2. As novas instalacións foron inauguradas en 15 de abril de 2005 poloConselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural de la Xunta de Galicia, José Antonio Santiso Miramontes.

A instalación vaise dedicar á produción programada de crisantemo, e está equipada coas máis modernas tecnoloxías, como a propia cuberta de vidro, mallas e iluminación para aplicar as técnicas de fotoperíodo e conseguir a floración durante todo o ano, equipo de fertirrigación, caldeira de calefacción, emisión de CO2, ordenador e software desenvolvido pola empresa Priva de Holanda, que controla todos os parámetros climatolóxicos do invernadoiro, entre outros.

Rivera Flor - Flores Miguel Fernández:
A empresa inicia as súas actividades en Galicia hai 22 anos. Dende hai once traballa con exclusividade, comercializando os produtos de Rivera Flor. Actúa principalmente en Galicia e Asturias, facendo a repartición sobre pedido, por intermedio dun sistema de telemercadotecnia e venda no Cash and Carry de Bergondo - A Coruña. Os seus principais clientes son almacenistas, pequenos distribuidores rexionais, funerarias, etc.

Rivera Flor comercializa o 100% da produción dunha agrupación de preto de 35 produtores, auxiliando na elección de cores e variedades e na clasificación da calidade. O grupo produce ao redor de 2.000.000 de talos ao ano, entre caravel, mini caravel eclavelina, en especial para o mercado de buquets exportados a Inglaterra.

A produción descendeu nos últimos anos, xa que hai seis anos chegou aos 8.000.000 de talos. Segundo Miguel Fernández, xerente da empresa, estose debe principalmente á baixada xeneralizada de prezos e a un período moi curto de produción durante o ano, o que condiciona a baixa produtividade por m2 ao ano.

"Hai 25 anos, o mercado valoraba moito a flor galega", comentaFernández. A mediados dos 80, debido a unhas condicións de mercado moi especiais e a moitas subvencións ofrecidas polo goberno, houbo un "boom" de investimentos en pequenos invernadoiros mantendo o abano tradicional de flores, e a característica minifundista das explotacións, xa que as subvencións se limitaban a pequenas explotacións de ata 1.000 m2.

Hoxe en día aínda hai moitos produtores que non están asociados e traballan de forma artesá, comercializando as súas producións directamente os consumidores finais.

Pycflorga:
Pycflorga S.L, situada en Tomiño (Pontevedra), conta con produción propia que empezou cun invernadoiro de 1.850 m2 e na actualidade chega a unha superficie de máis de 100.000 m2. Tamén comercializa o 100% da produción dun grupo de 90 agricultores que se dedican á produción de caravel, mini caravel, lilium, gladíolo, xerbera, limonium, iris, gypsophyla paniculata, alstroemeria, etc.

Segundo Juan José Alonso Otero, xerente da empresa, todas estas variedades de flor son as máis idóneas para cultivar na bisbarra doBaixo Miño entre maio e setembro, onde o norte de España goza das condicións climáticas ideais para o seu cultivo.

Pycflorga mantén unha relación estreita co seu grupo de agricultores, asesorando na planificación de cultivos, proxecto de invernaderos,etc. Tamén subministra o material de cultivo -bulbos e gallos- suxerindo as mellores datas de plantación, e comercializa a produción mediante relación contractual entre ambas as dúas partes. Todo iso asesorado por un equipo de técnicos que visitan as instalacións dos agricultores periodicamente aconsellando os tratamentos a realizar en cada fase do cultivo, así como o mellor xeito de aplicalos.

"Pycflorga responde a todas as cuestións que se lle formulan ao agricultor, poñendo ao seu alcance a experiencia dos anos así como as ultimas novidades no mercado", engade Juan Alonso. Para completar a súa subministración de flores, follaxes e plantas,Pycflorga importa de diversos países de América como Colombia, Ecuador, Guatemala e Costa Rica e doutros países de Europa, entre os cales Bélxica, Holanda, Portugal e Italia.


No hay comentarios: