A Mancomunidade Terra de Celanova inicia hoxe en Quintela de
Leirado un ciclo de actividades informativas para a promoción e fomento do
cooperativismo no medio rural. 'O que se pretende é que a xente coñeza ás
posibilidades de aproveitamento dos nosos recursos a través do
cooperativismo ou do autoemprego', explica José Antonio Pérez Cortés,
presidente da Mancomunidade e alcalde de Quintela.
Un terreo de castiñeiros, cuxa explotacion quere fomentar a
Mancomunidade Terra de Celanova.
Precisamente neste concello do rural celanovés impartirase
hoxe luns, ás cinco da tarde, a primeira charla 'O aproveitamento da castaña
baixo a fórmula cooperativa'. O reto marcado dende a Oficina de Fomento Cooperativo
do ente supramunicipal é informar a propietarios de terreos con castiñeiros do
valor potencial do terreo e fomentar a comercialización do produto que,
'segundo os datos de 2012, recolléronse en Galicia entre 15.000 e 25.000
toneladas de castañas cun valor estimado de entre 30 a 40 millóns de euros',
asegura Pérez e apunta que ' se outras bisbarras poden sacarlle rendibilidade,
nós tamén'.
De cara ao mes de abril, a temática versará sobre o cultivo
de oliveirais. A comarca, explica Pérez Cortés, 'reúne ás condicións para dito
cultivo e xa hai algúns particulares que plantaron os primeiros olivares'.
Neste proxecto, destacaba o presidente da Mancomunidade, contarase coa
colaboración da empresa ourensana Aceites Abril, que realizará análise da terra para
coñecer a súa idoneidade e facilitar a súa implantación.
EXPOSICIÓN
Dende hoxe e ata o mes de abril, impartiranse diferentes
conferencias que afondarán no aproveitamento da castaña e as oliveiras, así
como nas cooperativas de servizos forestais. 'Nesta época de crise é
fundamental apostar polo rural na creación de emprego e precisamente ás
cooperativas creceron un 3,13% en Galicia non carto trimestre do 2012',
aseguraba José Antonio Pérez, que recordaba o mantemento de subvencións para
este tipo de sociedades. Para completar o programa, do 26 de febreiro ao 1 de
marzo, o Auditorio Ilduara acollerá a exposición 'Descobre ás cooperativas'.
No hay comentarios:
Publicar un comentario