A iniciativa fai un percorrido polos elementos clave do
modelo cooperativo: que son, que tipos de cooperativas hai, como funcionan,
cales son os valores que defenden, que pasos dar ou que apoios existen para
impulsar o emprendemento cooperativo.
Deste xeito, presenta as potencialidades e solucións que ten
este modelo empresarial, que ten demostrado versatilidade e capacidade de
adaptación á situación económica actual, ao ser capaz de manter e crear
empregos.
Ao longo de algo máis de 100 metros cadrados, os visitantes
poderán achegarse ao cooperativismo agrario, ao autoemprego cooperativo, ou
mesmo comprobar se teñen 'madeira de cooperativistas', nunha exposición marcada
polo seu carácter interactivo e dinámico.
A mostra inscríbese dentro das actividades da Rede Eusumo,
unha estratexia de cooperación entre diferentes axentes públicos e asociativos
orientada ao fomento do cooperativismo e a economía social, e que conta co
apoio do Fondo Social Europeo.
Ademais, cabe destacar que nesta zona tamén desenvolve o seu
labor a oficina de fomento cooperativo da agrupación de Xinzo de Limia, apoiada
polo departamento autonómico e con financiamento do Fondo Social Europeo.
Encárgase de difundir o cooperativismo nos concellos de Muíños, Vilar dos
Santos, Rairiz de Veiga e Xinzo de Limia.
Ocúpase tamén do acompañamento e asesoramento na
constitución de sociedades cooperativas, así como do seguimento da súa
actividade unha vez constituídas.
En definitiva, o seu obxectivo é dar a coñecer o modelo
empresarial da sociedade cooperativa como fórmula de autoemprego que permita
unha maior estabilidade laboral fronte a outras sociedades mercantís.
En definitiva, as cooperativas teñen un comportamento
destacado no mantemento e na creación de emprego: en relación a outras
tipoloxías empresariais, destrúen menos empregos, xa que o seu carácter de
empresa onde priman as persoas e as súas necesidades fai que se adopten outro
tipo de medidas de flexibilidade e adaptación ás novas condicións do mercado,
sempre procurando evitar a destrución de postos de traballo.
Por outra parte, o ritmo de creación de novas cooperativas
acelérase nos contextos de dificultade económica: as cooperativas ofrecen unha
alternativa de autoemprego colectivo moi atractiva para aqueles traballadores e
traballadoras que teñen unha idea empresarial viable e queren levala adiante
cuns valores de igualdade, axuda mutua e responsabilidade compartida.
En Galicia existen un total de 1.152 cooperativas –das que
171 están na provincia de Ourense- que agrupan a 90.158 socios e socias e crean
un total de 18.649 postos de traballo, entre directos e indirectos, o que supón
case un 2% da poboación ocupada.
No hay comentarios:
Publicar un comentario