jueves, 20 de junio de 2013

Mensaxe da Alianza Cooperativa Internacional (ACI) "A empresa cooperativa mantense forte en tempos de crise"

O Día Internacional do Cooperativismo, que se celebra este ano o 6 de xullo de 2013, ten como lema "A cooperativa, unha empresa que segue sendo forte en tempos de crise". O lema resulta aínda máis oportuno á luz da situación doutras formas empresariais cando se enfrontan coas actuais dificultades económicas
globais.

Os modelos de empresas propiedade dos seus investidores sofren actualmente unha crise de insostibilidade en termos económicos, sociais e medioambientais mentres que o modelo cooperativo demostrou, outra vez máis, que é resistente en tempos de crise.

A crise financeira foi un exemplo rotundo dos perigos que entraña priorizar as ganancias a curto prazo en vez da viabilidade a longo prazo. As crises globais actuais foron causadas por un modelo empresarial que considera máis importantes os retornos financeiros que as necesidades humanas, un modelo que pretende privatizar as ganancias e socializar as perdas. Son moitas as probas da contribución á estabilización financeira que pode achegar unha pluralidade de modelos de propiedade.

Ao dar maior prioridade ás necesidades humanas, as cooperativas responden ás crises actuais de sostibilidade e ofrécennos unha forma distinta do "valor compartido". Ademais, o modelo da cooperativa non é vítima do engano que aflixe ao modelo capitalista dende hai máis de vinte anos por considerar os resultados financeiros como o indicador central da boa empresa. Unha cooperativa é sinxelamente unha busca colectiva da sostibilidade que intenta "optimizar" os resultados de varias partes interesadas en vez de maximizar as ganancias dunha delas.

Esto tamén significa que cando a situación resulta máis dura, toda a man de obra é vital para o benestar dunha cooperativa e non soamente uns cantos xerentes. Outro elemento que alarmou ao público no mundo enteiro son as prácticas e finalmente, o peche de numerosos grandes bancos. Estas institucións supostamente venerables, seguras para os investimentos e os depósitos, resultaron a miúdo débiles e mal xestionadas. As cooperativas financeiras distinguíronse de xeito ben diferente.

As cooperativas de aforro e crédito, os bancos cooperativos seguiron crecendo, outorgando créditos en especial ás pequenas e medianas empresas, e mantivéronse estables nas diferentes rexións, creando mesmo empregos indirectos. A propiedade en mans dos seus membros que a controlan e se reparten os beneficios é o elemento clave desta resiliencia e garante vantaxes que non teñen os seus competidores. Se ben as cooperativas financeiras representan unha parte destacadamente grande do mercado bancario mundial, é importante entender mellor o seu modelo.

Un informe publicado recentemente pola Organización Internacional do Traballo (OIT) e escrito polo profesor Johnston Birchall fai un exame detallado das cooperativas financeiras dende a súa creación en Alemaña nos anos 1850 ata o movemento mundial que representan actualmente. 


Birchall explica nunha entrevista á OIT como antes da crise, os economistas predicían que as cooperativas financeiras debían de ter unha eficacia menor que os bancos propiedade dos seus investidores por non recompensar aos seus xerentes ofrecéndolles accións. Non obstante, a crise demostrou que as cooperativas financeiras corrían un risco menor que as sociedades bancarias anónimas porque xustamente os seus dirixentes non recibían unha parte dos seus beneficios. 

“A estabilidade e a aversión ao risco están inscritos no ADN das cooperativas financeiras. Sendo empresas, xeran e deben xerar excedentes pero os seus excedentes convértense en reservas que lles aseguran esta forza financeira e póñenas ao amparo fronte aos problemas que poden xerar as esixencias de capital propio impostas polos reguladores.”

"Noutras partes do mundo, as cooperativas de aforro non experimentaron ningún descenso en 2008. Non viviron a crise bancaria; seguiron crecendo paulatinamente, con regularidade e sen dramatismo."

Outra vantaxe en período de crise que non se pode pasar por alto é a súa dimensión social. Á hora dun declive económico global e de presións importantes sobre os gobernos para que se diminúan as garantías sociais, as cooperativas teñen unha vitalidade incomparable. Contribúen ao capital social, o que as diferencia das empresas propiedade dos seus accionistas. As cooperativas desempeñan así mesmo un papel fundamental na prestación de servizos sanitarios ameazados de ser privatizados, ou controlados polo Estado ou abandonados se se lles aplican os recortes orzamentarios.

Tampouco se poden omitir as grandes vantaxes das cooperativas de consumo: a súa capacidade de subministrar produtos alimenticios e outros produtos esenciais aos consumidores a un mellor prezo – mentres se vai perdendo total ou parcialmente a capacidade de poder adquisitivo.

O Día Internacional do Cooperativismo, o 6 de xullo de 2013, dános a oportunidade de reflexionar en todo o que fixeron as cooperativas en períodos de menor ou maior prosperidade, e de reiterar o noso compromiso de darlle maior relevo e apoio mundial a este modelo empresarial baseado en valores por ser un modelo que foi e segue sendo acertando.

No hay comentarios: