A Consellería de Traballo e Benestar está a promover
diferentes accións para fomentar a intercooperación como clave para o futuro do
movemento cooperativo co obxectivo de seguir a reforzar este modelo empresarial
fronte á crise.
Deste xeito, o director xeral de Traballo e Economía Social,
Odilo Martiñá, participou hoxe en Cambados nunha xornada de intercooperación
que desenvolven as cooperativas Martín Códax e O Cable Inglés.
Neste senso, o director xeral de Traballo e Economía Social
destacou que en Galicia existen un total de 1.194 cooperativas que agrupan a
máis de 90.158 socios e crean preto de 19.000 postos de traballo, entre
directos e indirectos, o que supón preto dun 2% da poboación ocupada.
O tecido cooperativo galego está a rexistrar un crecemento
significativo ano a ano. Desde 2010 ata este mes de xuño constituíronse un
total de 179 cooperativas. Obsérvase ademais un lixeiro incremento entre os
diferentes períodos anuais. En 2010 creáronse 42; en 2011 foron 48; en 2012
rexistráronse 58 novas altas; e no primeiro semestre do 2013 xa se
contabilizaron 33 novas empresas desta índole. As provincias da Coruña e
Pontevedra son as que presentan maior presenza de sociedades cooperativas, en
consonancia co seu maior dinamismo empresarial.
“Os datos avalan que o cooperativismo é unha fórmula para
resistir á crise, xa que fomentan o emprendemento e preservan os postos de
traballo, ao tempo que buscan tamén un equilibrio territorial”, apuntou
Martiñá.
Orzamento 2013
Así mesmo, afirmou que o orzamento do Goberno galego neste
eido volve a superar en 2013 os 4 millóns de euros e fixo fincapé nos programas
e iniciativas pioneiras postas en marcha polo departamento autonómico para dar
apoio e cobertura a todas as persoas e proxectos que aposten por esta fórmula
empresarial.
Destacou, entre outras actuacións, a Rede Eusumo de
asesoramento en economía social, que se puxo en marcha en 2012 e que, tras
fixar as súas bases mediante un decreto, estase a fomentar este ano “de forma
decidida”, segundo asegurou.
Lembrou, así mesmo, que a Xunta modificou a Lei do
Cooperativismo que estaba vixente desde 1998 para facilitar e promover a
creación de novos proxectos e puxo en marcha o programa Coopera Máis para
articular medidas que contribúan ao fomento e consolidación das cooperativas na
eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.
fonte: Novas Xunta
No hay comentarios:
Publicar un comentario