O titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, presidiu onte o
acto de inauguración das novas instalacións de Coren en Novafrigsa
(Lamablanca-Coeses-Lugo) dedicadas ao curado de Xamón Selecta
(salas de curado, adegas, desosamento e loncheados), cunha capacidade para
200.000 pezas. Núñez Feijóo destacou que este grupo ten unha facturación de
1.000 millóns de euros e conta con máis de 3.500 socios, grazas ao compromiso
que mantén con esta terra e á aposta que realiza pola innovación.
Coren, tras máis de medio século de historia, converteuse na
cooperativa agroalimentaria máis importante do Estado. Un grupo líder que
conseguiu diversificar as súas liñas de actividade ata gañar presenza
sobresaínte nos mercados da avicultura, o porcino e o vacún, co obxectivo de
"poñer o mellor a disposición dos consumidores". A actividade da
empresa, segundo destacan os seus directivos, caracterízase polo compromiso na
seguridade alimentaria a través de estritos controis de calidade e
trazabilidade.
O Centro de Procesado de Vacuno Novafrigsa en Lugo, onde se
encontran as instalacións, fora inaugurado en 1996 polo entón presidente da
Xunta, Manuel Fraga. Ten como función canalizar a produción de vacún das
explotacións Coren, a elaboración de friames e cocidos, ademais do curado de
xamóns.
As instalacións, cunha superficie total construída de 40.000
metros cadrados -dos cales corresponden á sección de xamóns 18.000 metros-
contan cunha tecnoloxía punteira a nivel europeo, alcanzan unha capacidade
total de produción de 700.000 pezas anuais.
O equipo de Coren levaba anos coa idea de conseguir unha
carne de porco diferente, saborosa, selecta, única e a prezos competitivos.
Tras longos procesos de investigación xenética logrou a clave: o cruzamento de
varias razas, un porco producido 100% en Galicia e alimentado con castañas.
Desta forma naceu o Porco Selecta de Coren.
A selección da raza permite ter a completa seguridade de que
a gama Selecta ten unha mellor infiltración de graxa, dando como resultado unha
carne máis substanciosa, saborosa e listada. Cunha alimentación a base de
castañas, Coren pretende recuperar a crianza tradicional galega, a través da
crianza en pequenas explotacións tradicionais da zona de Ourense e Lugo, con
saída ao campo nun ambiente tranquilo.
fonte: Faro de Vigo
No hay comentarios:
Publicar un comentario