Por primeira vez en España, este ano recóllese lúpulo
ecolóxico, cultivado seguindo os procedementos marcados polo Consello Regulador
da Agricultura Ecolóxica en Galicia. A parcela encóntrase nas instalacións do
Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), na Coruña, e é resultado
dun proceso de investigación e probas coordinado entre Fillos de Rivera e o
CIAM. A transición dende o cultivo convencional ao ecolóxico levou tres anos e
permitirá recoller 1.700 metros cadrados da variedade Nugget, cos que se
poderán elaborar 100.000 litros de cervexa.
Nos próximos días continuará a colleita do lúpulo galego de
cultivo convencional. Só nas instalacións do CIAM se espera recoller unha
produción de 1.600 quilos, que darían en torno a 1,6 millóns de litros de
cervexa. Cada ano, novas variedades incorpóranse ás probas de cultivo co
obxectivo de avaliar os resultados do seu desenvolvemento. Este ano recóllense
once tipos de lúpulo, maioritariamente Nugget, Perle e Magnum, pero tamén
outros de orixe checa ou alemán, como son Cascade, Sladek ou Mittelfruhe.
A raíz da posta en marcha deste proxecto de investigación
xurdiron iniciativas privadas de cultivo de lúpulo en Galicia por parte de
particulares que se agruparon maioritariamente na cooperativa Lutega. Dende o
CIAM e Fillos de Rivera ponse a disposición de todos eles o resultado das
investigacións co obxectivo de que poidan aplicar os coñecementos aos seus
cultivos.
A colleita do lúpulo en Galicia alongarase durante dúas
semanas nun ano en que as plantas non puideron alcanzar todo o seu potencial,
debido a unhas condicións climatolóxicas pouco habituais cunha primavera fría e
chuviosa en exceso.
fonte: La Voz de Galicia
No hay comentarios:
Publicar un comentario