A Mariña move ao ano un millón de toneladas de madeira de
eucalipto cortada, argumento abondo, segundo Manuel Galdo, presidente da
asociación de Produtores de Madeira de Viveiro (Promavi), para impulsar a
creación dunha cooperativa que abranga o territorio mariñano.
«Temos produción, socios e vía de saca de madeira aos
mercados internacionais cos portos de Celeiro, Burela e Ribadeo», remarcou o
voceiro do colectivo que agrupa uns trescentos propietarios de montes de
Viveiro e municipios limítrofes.
Galdo explicou que foi a decisión «unánime» dos asistentes á
asemblea que Promavi celebrou no teatro Pastor Díaz de Viveiro, e á que
asistiron en torno á metade dos asociados, uns 140. «Pode ter ou non sede en
Viveiro, pero dende aquí sae a campaña de lanzamento» para a súa creación.
Promavi desmárcase desta forma do proxecto de creación dunha gran cooperativa
que promovía Promagal, da que Galdo sinalou que está «parada». Xunto ao
potencial dos montes mariñanos, o presidente de Promavi tamén aludiu á
«proximidade para a toma de decisións» que propiciaría contar cunha cooperativa
comarcal.
Aberta a todos os interesados
A intención de Promavi é lanzar «xa» o convite a participar
na cooperativa tanto a propietarios dos montes doutros municipios coma a
persoas que poidan estar interesadas en formar parte dela. Galdo calcula que
nun mes poida abrirse a inscrición inicial de socios e a partir de aí presentar
a redacción dos estatutos e poder envialos á Xunta para que os valide. Estimar
unha achega inicial de 25 euros que se completará despois cunha cota anual de
100 por socio, co obxectivo de cubrir os 3.000 euros de capital mínimo para a
constitución da cooperativa.
Contrato con Ence
Unhas 20.000 toneladas de eucalipto sairán na primeira fase
do contrato que estableceu Promavi con Ence o pasado mes de novembro, por un
montante de 50.000 toneladas, ampliables a 75.000. O ritmo de curta foi lento
debido á climatoloxía, unhas 3.000 toneladas ao mes, que o presidente de
Promavi sinalou que se incrementará paulatinamente ata chegar ás 7.000 ou 8.000
nos meses de verán.
Por outro lado, Galdo explicou que este ano se logrará a
certificación internacional FSC, para as parcelas nas que se realicen as
curtas, e anunciou a celebración dunha xornada informativa con Ence, que se
celebrará o día 14 no local social de NovaGalicia Banco en Viveiro, na que se
abordarán aspectos relacionados cos tipos de plantación, e as pragas que as
afectan, entre outros temas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario