jueves, 4 de julio de 2013

Odilo Martiñá: "As cooperativas teñen un plus de resistencia á crise”

Odilo Martiñá inaugurará mañá ás 10.00 horas no Hotel AC Pazo do Carmen, Santiago de Compostela, o encontro promovido polo Grupo Correo Galego para analizar o cooperativismo como alternativa laboral.

- ¿Considera que as cooperativas son unha solución ao desemprego que xerou a crise?

Sen dúbida, son unha das posibilidades para reducir o número de parados. De feito, dende o ano 2009 estamos a observar que está a crecer de forma importante o número de cooperativas en Galicia. Concretamente experimentouse un incremento do 34%. Tendo en conta que en Galicia hai máis de 90.000 socios de cooperativas. Parécenos unha moi boa forma para xerar emprego.

- ¿Que vantaxes presentan respecto ao resto de sociedades mercantís?

En principio, as cooperativas presentan unha serie de vantaxes de carácter fiscal que se reflicten na tributación do imposto de sociedades. Ademais, os socios teñen unha responsabilidade que se limita ao capital achegado. Á marxe disto, a propia organización empresarial das cooperativas presenta os seus particulares vantaxes ao ser empresas cunha xestión democrática, na que os traballadores son os propietarios, facendo que sexa máis doado acordar fórmulas de viabilidade, eficacia e eficiencia na xestión. Evidentemente as cooperativas compiten no mercado laboral con outras empresas pero a súa fórmula ten un mellor acorde co sistema actual, ao tempo que facilita a conciliación da vida laboral e persoal.

- ¿En canto ao financiamento, teñen as cooperativas máis facilidade á hora de acceder ao crédito público ou ás axudas públicas?

En canto ao financiamento privado teñen as mesmas facilidades ou dificultades que calquera outra empresa. Dende a Consellería de Traballo hai un apoio decidido polas cooperativas e, nese sentido, se que hai unha serie de achegas para favorecer a incorporación de novos traballadores tanto na novas cooperativas como nas xa existentes. Tamén hai un programa de axuda específico para o impulso de proxectos empresariais e cooperativos, é dicir, para aquelas cooperativas que se constitúen por primeira vez. Á marxe disto, levamos a cabo diversos programas para as cooperativas de promoción de actuacións no ámbito de I+D e programas específicos de intercooperación entre as cooperativas para ser máis fortes no mercado competitivo no que estamos.


- ¿Estas axudas realízanse a través de créditos, subvencións ou de avais do Igape?

En principio, as axudas aos programas de fomento de emprego e de impulso a proxectos empresariais son a fondo perdido. As cantidades dependen do investimento que poida facer a cooperativa, do emprego creado e do número de socios que se incorporen. Ademais, as cooperativas, como empresas que son, poden acceder a préstamos participativos no Igape e na futura lei de emprendimiento se establecen novas modalidades de acceso a fórmulas de financiamento para as cooperativas.
- ¿Sabe cal é a porcentaxe de fracaso das cooperativas e se este é menor ou maior que o doutro tipo de sociedades?

Como calquera outra empresa, as cooperativas están suxeitas ás dificultades económicas que neste momento estamos a sufrir. Non obstante, o que se se demostrou é que teñen un plus de resistencia á crise. Os primeiros dous anos das empresas son os máis complexos, pero a taxa de supervivencia das cooperativas nesta etapa de posicionamento no mercado está nun 95%. Unha taxa moi alta que fai que as cooperativas teñan unha resistencia maior que outras tipo de fórmulas empresariais.

- ¿Cales son os maiores problemas aos que se adoitan enfrontar: relación entre os socios, financiamento, etcétera...?

A parte interna dos socios e órganos de goberno, con independencia de que poida haber algún caso, non son precisamente as dificultades maiores. Evidentemente, hai que diferenciar entre cooperativas de tres socios, que é o mínimo, e as que teñen un número moi elevado. En todo caso, a súa fórmula baséase na cooperación entre os socios e, polo tanto, iso é fundamental. Quizais os retos máis complexos sexan os que están no propio mercado económico, é dicir, a competencia con outras empresas.

- ¿Cal é o tipo de coorporativismo que crea con maior frecuencia no mercado?

Neste momento, hai unha importante creación no ámbito das cooperativas de traballo asociado. De feito, das 1.171 cooperativas activas en Galicia neste 2013, 543 son cooperativas deste tipo. Ségueno as 374 cooperativas agrarias, que en Galicia teñen moita tradición, e as de transportistas, de consumidores e usuarios e as de ensino.

fonte: El Correo Gallego

No hay comentarios: