En 1984, 27 agricultores ourensanos xuntaban esforzos para
que as súas colleitas chegasen a ser produtivas e rendibles. Trinta anos
despois, son case 200 os socios que forman parte da mesma cooperativa, que en
pouco tempo se converteu nun gran referente a nivel estatal. Hortalizas e
flores son os produtos que dan vida a Hortoflor, dirixida por un deses
agricultores que a viu nacer e que se mostra optimista a pesar das
circunstancias económicas que nos envolven. Os seus próximos obxectivos son o
cultivo de amora e framboesa e o seu gran reto, o relevo xeracional
Gran parte da superficie agrícola ourensana ten destino
dende hai case trinta anos. A empresa Hortoflor, constituída formalmente como
sociedade cooperativa limitada, puxo Ourense como referente no que a produción
e venda de hortalizas e flores se refire. Con máis de 150 familias adscritas á
cooperativa, Hortoflor conta con pequenos hortos ao longo da provincia e,
mesmo, nas localidades portuguesas de Valença do Miño, Chaves e Vila Real.
"Ampliamos a produción e agora temos socios do país veciño con
explotacións que son, polo xeral, máis grandes que as de Ourense", afirmou
o xerente da cooperativa agraria, Carlos Gómez.
Unha expansión internacional que se fai necesaria para
atender as demandas da poboación, que o xerente da empresa recoñece que cada
vez son maiores: Celebramos un acordo con Vegalsa e Eroski e somos conscientes
do difícil que é cumprir as expectativas", sobre todo tendo en conta que
no rural galego existen moitos terreos en barbeito permanente e sen intención
de ser traballadas a curto prazo.
Ademais, a maior parte das parcelas dedicadas á produción
destes produtos son pequenas explotacións familiares dedicadas ao cultivo de
feixóns, cabaciña ou tomate. Segundo o propio xerente, un dos maiores filóns a
nivel de mercado nacional pasa polo cultivo de flores "que os
distribuidores de toda España prefiren pola súa calidade e frescura". É
precisamente esa condición a que fai a Hortoflor competitivo fronte aos
mercados incipientes como o de Marrocos, sendo estes os que máis produtos a baixo
prezo introducen en España: "O custo de produción neste país é moito máis
baixo e aínda que dende a Unión Europea se lancen convenios para que haxa un
prezo mínimo, na realidade non se cumpren", afirmou Gómez.
Pero a competencia non só faise notar no mundo da horta,
senón que afecta á outra parcela na que se move Hortoflor. A empresa deixou de
exportar flores cortadas a Inglaterra ante a competitividade colombiana e o
cambio de divisa, prexudicial para os intereses españois no estranxeiro. Aínda
así, dende o Consello Galego de Cooperativas intentan darse a coñecer noutros
mercados "porque se os potenciais compradores ven a calidade dos nosos
produtos non lles vai importar pagar algo máis", afirmou Gómez.
Mesmo en España se ven con bos ollos os produtos da horta
galega que chegan a case todas as provincias españolas: "Estamos a vender
hortalizas na zona norte, como País Vasco, Navarra e Aragón. A zona central e o
sur da península prefiren o pemento de padrón".
Crise e clima
Os dous inimigos máis incitantes dunha empresa destas
características teñen nome e apelidos: crise económica e climatoloxía adversa.
O sector da horta é un dos máis sensibles a ambos os dous factores; primeiro
porque a poboación adoita optar por produtos máis baratos para paliar os
efectos da conxuntura económica e, segundo, porque as características de
Hortoflor, con terreos familiares e pequenos, son moi dependentes do clima.
"Un dos maiores problemas que temos nas explotacións é a meteoroloxía, que
dependendo do ano pode estragarte a colleita," manifestou Carlos Gómez.
Pero estes factores non frean a fame de Hortoflor, que o ano
pasado acabou co monopolio do Roseira no que á produción e distribución de
mirabeles se refire. Ademais o propio xerente recoñeceu que estamos a
formularnos producir amoras, framboesas e mesmo castañas porque temos man de
obra e temos calidade".
As 150 familias que forman a cooperativa son a clave para
manter forte a empresa nos tempos que corren. Unha boa xestión, a posesión de
explotacións pequenas -características da paisaxe minifundista galego- e a
ausencia de endebedamento en época de bonanza son os ingredientes que fan
latexar o corazón de Hortoflor. "Con pouco capital financeiro, pero moito
humano somos capaces de facer algo grande", recoñeceu Gómez, aínda que o
principal problema que lamenta é o relevo xeracional que parece non estar garantido.
fonte: Faro de Vigo
No hay comentarios:
Publicar un comentario