Cunha facturación durante o 2013 lixeiramente superior aos 980 millóns de euros, Coren mantívose o ano pasado como a primeira cooperativa agroalimentaria de España por volume de facturación e a segunda en canto ao valor bruto das súas exportacións. Este situouse no ámbito dos 300 millóns de euros, o que supón que un terzo do negocio da cooperativa galega se encontra xa no estranxeiro. De feito, un dos principais obxectivos da firma a curto e medio prazo pasa por aumentar aínda máis as vendas ao exterior.
A sociedade tamén lidera o ránking nacional por empregados, pois o seu equipo supera os 3.500 traballadores, máis da metade do total de postos de traballo que xeran as primeiras dez entidades agroalimentarias do Estado.
Tal e como apuntan dende a propia cooperativa, os resultados obtidos débense á mellora da eficiencia e a produtividade en todas as áreas e sociedades do grupo así como aos primeiros indicios de recuperación do consumo, que mellorou lixeiramente nos últimos meses do 2013 e se prevé que, aínda que de modo lento, o continúe facendo ao longo do 2014.
Actualmente operan no conxunto do Estado un total de 2.849 cooperativas agroalimentarias, que contan con máis de 994.000 socios e dan emprego directo a 75.412 persoas. A súa cifra de negocio situouse no 2013 por enriba dos 25.600 millóns de euros, o que supón un incremento do 14% respecto ao inicio da crise económica.
En Galicia, segundo os datos de Cooperativas Agroalimentarias de España, rexístranse 107 entidades deste tipo, que contan con 5.278 traballadores e cuxa facturación no último exercicio roldou os 810 millóns de euros, excluíndo os datos de Coren. Lonxe aínda de Andalucía que, con 734 entidades -unha de cada cinco do total español-, se sitúa como a comunidade onde maior peso económico teñen as cooperativas agraria.
No hay comentarios:
Publicar un comentario