jueves, 27 de noviembre de 2014

A Xunta blinda con 27 millóns de euros o Orzamento de 2015 destinado ao emprendemento e ao cooperativismo

O orzamento da Consellería de Traballo e Benestar para 2015 inclúe un incremento do 6 por cento na área laboral con respecto a este ano, o que supón dedicar 8,2 millóns de euros máis a este eido. As partidas para o emprendemento, autónomos e cooperativismo, motores da dinamización económica e da xeración de emprego en Galicia, blíndanse con 27 millóns de euros. Así o anunciou hoxe a directora xeral de Traballo e Economía Social, Carmen Bouso, na Coruña, onde participou na presentación do proxecto Youth Business Spain en Galicia.

Bouso destacou que o departamento autonómico apoiará en Galicia o programa Youth Business Spain que promove o autoemprego entre os mozos e mozas de entre 18 e 35 anos co obxectivo de acercarlles á formación, mentoring e acceso ao financiamento. O obxectivo desta iniciativa é crear 5.000 novos negocios en toda España e xerar 10.000 novos postos de traballo para a mocidade. “Apostamos por este proxecto porque desde a Consellería de Traballo e Benestar estamos comprometidos cos emprendedores, e, en especial, cos mozos e mozas”, apuntou Bouso.

Na aposta do Goberno galego pola mocidade, a directora xeral sinalou que a Xunta implantou este ano o programa de promoción do emprego autónomo de mozos e mozas desempregados menores de 30 anos. Estas axudas inclúen unha subvención de entre 5.000 e 10.000 euros polo establecemento como persoa traballadora autónoma; unha axuda financeira para a redución de intereses dos préstamos necesarios para a constitución como persoa traballadora autónoma; e a concesión para calquera persoa menor de 30 anos que solicite o alta no réxime especial de autónomos da Seguridade Social unha subvención de 1.200 euros.

Este programa forma parte do Plan de Emprego Xuvenil 2014-2015 que o Goberno galego puxo en marcha este ano. Contén un total de 19 medidas, todas elas en execución, que se articulan en tres eixos fundamentais: formación, contratación e emprendemento. Entre outras medidas destacan a formación de mozos e mozas sen cualificación; incentivos á contratación; fomento da formación dual; prácticas de mozos e mozas cualificados en empresas; ou bolsas de traballo de xestores en internacionalización.


En definitiva, Bouso resaltou que o Goberno galego seguirá a impulsar o traballo autónomo “facendo atractiva esta vía de incorporación ou reincorporación ao mercado laboral para a mocidade”, concluíu. 

fonte: Novas Xunta



No hay comentarios: