Turismo con Le mat. A cooperativa italiana de turismo traballa con persoas con discapacidade. FOTO: Le Mat
En outubro poderá verse no sitio guía on-line Cooproute a Ruta Europea pola Cultura Cooperativa. Alí inclúense os diferentes itinerarios que se poden percorrer, centrados no cooperativismo de cada país.
Cofinanciado pola Comisión Europea, este proxecto que leva tempo preparándose, quere mostrar aos viaxeiros de Europa as cooperativas arraigadas no territorio que contribúen á historia local, ao desenvolvemento do ámbito produtivo e tamén propio do cooperativismo. Aparecen, entre outras tantas, iniciativas que axudaron a construír o movemento cooperativo mundial, como o museo dos Pioneiros de Rochdale, en Reino Unido (considerado lugar de nacemento do cooperativismo mundial).
Por suposto, en Cooproute inclúense tamén hoteis, guías e empresas cooperativas dedicadas ao turismo social e sostible. Será posible elixir rutas posibles tanto nacionais coma internacionais, e as descricións de cada destino estarán dispoñibles en mapas interactivos na web.
Coordinado por CECOP, a organización que reúne as cooperativas de traballo de toda Europa, participan entidades de 14 países europeos, entre os que se encontra España.
CECOP contabilizou que existen en Europa polo menos 1.000 cooperativas de traballo asociado dedicadas ao sector turístico. Entre elas, toma en conta os sectores de transportes urbanos e suburbanos, aloxamentos, restaurantes, axencias de viaxes, servizos de reserva, organización de eventos, salóns, actividades recreativas e artísticas, tempo libre e deportes, museos, bibliotecas e outras actividades culturais.
"Ata o 30 de abril, cando pechamos a primeira convocatoria, recibiramos 67 peticións para formar parte de Coop-route, principalmente de Italia, Inglaterra, España, Portugal, Bulgaria, Francia e Estonia", di Elisa Terrasi, coordinadora do proxecto en CECOP. "Pero este non é un proxecto que remate aquí, senón que acaba de empezar. O que fixemos ata agora foi un test para ver a resposta das cooperativas. Estamos a traballar en que haxa máis empresas, distribuídas en máis países. Cremos que a partir do lanzamento da web, onde teremos máis visibilidade, poderemos crecer. Hai países -por exemplo, España e Italia- que teñen máis cooperativas que outros nos que o movemento cooperativo é menor, pero creo que co tempo lograremos facer un mapa xeográfico moi amplo".
Dende a mesma páxina de Cooproute, as cooperativas que queiran formar parte poderán presentarse para propoñer a súa cooperativa. Un equipo técnico estuda que cooperativas cumpren os requisitos do proxecto e cales teñen que traballar para conseguilo.
En España, un dos lugares que presentan maiores rutas cooperativas é Catalunya, que ten a súa propia representación no proxecto non só dende o movemento cooperativo, senón tamén dende a Generalitat de Catalunya. Tamén hai cooperativas de Andalucía, Galicia e Valencia. "Moitas cooperativas españolas que se presentaron ao proxecto están ligadas ao mundo rural", agrega Elisa Terrasi. "En Italia son sobre todo cooperativas sociais. Hai, entre outras, hoteis e restaurantes cooperativos onde traballan tamén persoas con minusvalidez. A terceira tendencia é inglesa e está relacionada cos museos, que serven para promover a historia da cultura cooperativa,".
Ata setembro, as historias das cooperativas poden ir véndose na páxina web de CECOP, que promove unha cooperativa de turismo á semana, e as promove nas redes sociais a través do hashtag #1coop1week.
Máis información: cecop
fonte: eldirario.es
No hay comentarios:
Publicar un comentario