lunes, 27 de octubre de 2014

Unha fórmula cooperativa pioneira que cumpre 30 anos

A Cooperativa Sanitaria de Galicia (Cosaga) naceu en 1985 e na actualidade ofrece 13 especialidades médicas e 14 cirúrxicas, ademais dos servizos centrais entre os que se inclúen urxencias, farmacia, fisioterapia, laboratorio de análises clínicas, hospital de día ou anatomía patolóxica.

Once profesionais foron os promotores dunha experiencia de modelo sanitario en réxime de cooperativa que, tres décadas despois, segue mantendo a este hospital como o único de Galicia -e dos poucos en España- con esta fórmula de xestión.

Pero o seu espírito pioneiro vai máis alá da cuestión xurídica. En 1989 foi o primeiro centro sanitario da provincia en ter un escáner para probas diagnósticas por imaxe. Ata esa data non había ningunha instalación, nin pública nin privada, con este equipamento no territorio ourensano e os pacientes que precisaban estas probas eran derivados a Vigo.

O pasado ano este centro, cuxo consello reitor preside José Ignacio Vidal López, tamén foi o primeiro de Galicia en lograr o selo de calidade Excelencia Europea EFQM 300 +. A distinción premia tanto a calidade asistencial como a de xestión en procesos de mellora continua, así como o impacto do seu labor no seu ámbito social a través das colaboracións que mantén con oenegés, fundacións ou a Universidade de Vigo, por exemplo.

Unha das claves desa mellora continua é a posta en marcha do que en Cosaga chaman grupos de mellora. Trátase dun mecanismo ideado para preguntar directamente aos pacientes durante a súa estanza de hospitalización co obxectivo de coñecer de primeira man as necesidades que teñen e as súas expectativas nos servizos polos que son atendidos.

O traballo destes grupos propiciou varios cambios, tanto no espazo físico coma nas dotacións e na atención directa que reciben nos distintos servizos. Púxose en marcha, por exemplo, un servizo de apoio psicolóxico ao paciente e as familias, os profesionais formáronse en técnicas de comunicación para poder chegar mellor coas súas explicacións e aclaracións aos enfermos e ás persoas que os acompañan.

Do traballo destes grupos tamén se derivaron cambios nalgúns protocolos, implantouse un sistema wifi en todo o hospital e remodeláronse instalacións para buscar unha mellor comodidade dos usuarios.

Cosaga integrouse tamén na alianza estratéxica posta en marcha polo Clúster Español de Turismo de Salud baixo o selo Spaincares. Coa presenza desta cooperativa sanitaria, Ourense posiciónase dentro dos referentes para este sector do turismo sanitario.


No hay comentarios: