martes, 21 de abril de 2015

2ª edición da Xornada "O emprendemento dende unha perspectiva práctica" no IES de Celanova


Nace en Manzaneda a primeira cooperativa galega de turismo

Un momento do acto de presentación de TuTrives Cooperativa Galega en Manzaneda.

As paisaxes de montaña excepcionais que posúe Langullo (Manzaneda) levaron aos nove socios de TuTrives Cooperativa Galega, sociedade que eles mesmos definen como de "ecoturismo cooperativo" a elixir a adega Ladeira dá Mata para a súa presentación en sociedade. É a primeira cooperativa galega dedicada ao sector turístico e á elaboración de produtos locais, como a bica, os embutidos ou o viño. Explicouno a súa presidenta, Asunción Fernández. É propietaria do hotel rural trivés As Maceiras, unha das nove empresas implicadas no proxecto. As restantes son: Casa do Comediante (San Xoán de Río), restaurante O Pendón (Manzaneda), Adega Ladeira dá Mata (Manzaneda), Bicas de Trives, Panadaría Terras de Trives, Embutidos Pío (Trives), Casa Rural Os Trintas (Trives) e Pensión Baloira-Cafetería Quintela (Trives).

"Todos somos empresarios da bisbarra que queremos apostar polas nosas terras. É a única cooperativa de turismo e exaltación de produtos locais de Galicia", explicou Asunción Fernández Fernández. Non foi doado sacar adiante o proxecto cooperativo; confírmano os tres anos que houberon de transcorrer antes de estampar a última firma no documento de constitución. Os múltiples problemas que os seus impulsores, todos eles empresarios de distintos sectores, houberon de superar non fixeron rotura no seu interese. "É moi difícil crear unha cooperativa de gremios distintos, pero estamos todos envorcados", dixo a presidenta.

martes, 14 de abril de 2015

Crisis: Traballadores que compran as súas empresas

A crise levou moitas empresas españolas a unha situación económica moi precaria, e mesmo ao peche. Os traballadores, neses casos, teñen dúas opcións: ou buscar traballo ou montar algo pola súa conta. 

Non obstante, existe outra opción que parece estar a tomar cada vez máis forza: comprar a empresa e reflotala. Un xeito de facelo é constituír unha cooperativa de traballo, participada polos propios traballadores. 

Segundo a Federación de Cooperativas de Traballo de España (Coceta) existen en España unhas 75 empresas reconvertidas en cooperativas de traballo. Esta cifra só inclúe ás cooperativas federadas, polo que o número real deste tipo de entidades é con toda probabilidade maior. Quedan algunhas cooperativas históricas, creadas nos anos 80 no marco da reconversión industrial e a crise do petróleo, pero a maioría son recentes. 

Murcia é a rexión de Europa con máis empresas mercantís reconvertidas en cooperativas de traballo segundo o presidente de Coceta, Juan Antonio Pedreño, "ás cooperativas sempre se lles chamou as fillas da crise", porque "é en momentos de dificultades económicas cando os traballadores se ven obrigados a emprender para poder salvar o seu posto de traballo". 

España, vangarda de Europa en cooperativismo. Tal e como explica Pedreño, trátase de "un modelo de empresa con apenas 30 anos de vixencia en España", con permiso de Mondragón (Eroski), que dende a súa creación nos anos 60 se converteu na corporación cooperativa máis importante do mundo e dá traballo a 63.000 persoas no noso país. De feito, España é un dos países de Europa onde máis arraigou este modelo de emprendemento.


Segundo o Comité Europeo de Cooperativas de Produción, das 150 cooperativas de traballo creadas en toda Europa en 2012 e 2013, 75 eran españolas. En canto á súa difusión territorial, as comunidades con máis soleira e tradición cooperativista son Cataluña, Andalucía, País Vasco, Comunidade Valenciana, Navarra e Murcia, que aglutinan o 80% do emprego cooperativo en España. 

O caso de Murcia é paradigmático, xa que é a rexión de Europa con máis empresas mercantís reconvertidas en cooperativas de traballo, con 30 reconversións nos últimos dous anos e medio, segundo datos de Coceta.