miércoles, 24 de octubre de 2012

Presentación da Rede Eusumo



A Rede Eusumo é unha rede impulsada pola Consellería de Traballo e Benestar para o fomento do cooperativismo e a economía social. Con ela procúrase o fomento do espírito emprendedor no ámbito local, comarcal e transfronteirizo prestando apoio directo á creación e consolidación de emprego con base na economía social, no territorio de actuación.


A Rede Eusumo créase para promover este modelo empresarial en todo o territorio de Galicia, impulsando o seu desenvolvemento no ámbito local, a través de accións de formación, divulgación e asesoramento para o autoemprego colectivo. 


Os obxectivos da Rede son a promoción e fomento do cooperativismo e a economía social, do emprendemento, e da creación e consolidación de emprego, no ámbito local, comarcal e transfronteirizo; e concrétanse  ao redor dos seguintes eixos:


1. Información, formación, orientación e asesoramento en temáticas vinculadas ao cooperativismo e a economía social,  fomento do autoemprego e o emprendemento a través do acompañamento e asesoramento de proxectos cooperativos.



2. Posta a disposición de medios para o emprendemento entre os que se inclúen as instalacións para albergar o comezo de iniciativas empresariais.



3. Reforzo da presenza de asociacións e empresas de economía social en redes de intercooperación de carácter nacional e internacional para a promoción do cooperativismo e a economía social.



4. Promoción e fomento das Tecnoloxías da Información e Comunicación así como o impulso da I+D+i e do traballo en rede.



5. Apoio á comercialización e internacionalización, promovendo encontros internacionais e transfronteirizos para o intercambio comercial e a cooperación empresarial.



6. Realización de análises e estudos en temáticas de interese para a economía social, así como para o desenvolvemento local.



Enmárcanse tamén como obxectivos da mesma, o acompañamento de proxectos de economía social así como rendibilizar e achegar aos cidadáns diferentes recursos e infraestruturas de institucións, entidades ou organizacións con interese en adherirse á Rede.



Actividades: As actividades que se pretenden impulsar coa creación da Rede Eusumo encádranse dentro do Programa Operativo do Fondo Social Europeo 2007-2013.




  
A Rede realizará todo tipo de actividades encamiñadas ao cumprimento dos obxectivos indicados no epígrafe anterior. Entre elas, destácanse as seguintes:



a) Información e asesoramento nos centros.



b) Accións formativas dirixidas aos posibles emprendedores.



c) Prospección dos xacementos de emprendemento e selección de destinatarios das accións de asesoramento, información e formación.



d) Acompañamento de  proxectos, titorización e asesoramento para a conformación da empresa e durante os primeiros anos de actividade.



e) Apoio ao emprendemento mediante a posta a disposición de viveiros para empresas de economía social.



f) Fomento da coordinación de accións e promoción de proxectos de carácter internacional.



g) Promoción e dinamización do traballo en rede para a colaboración en temas comúns, tales como a comercialización e a apertura conxunta de mercados.



h) Realización de accións formativas en materia de novas tecnoloxías.



i) Establecemento de centros de documentación para a súa consulta por parte de entidades de economía social,  persoas emprendedoras e público en xeral.



j) Promoción da asistencia conxunta a feiras nacionais e internacionais e da mellora das estratexias de comercialización.



k) Establecemento dunha liña permanente de investigación sobre posibilidades de desenvolvemento local para o territorio.



l) Desenvolvemento de estudos sectoriais promovendo a cooperación con entidades do territorio.



m) Campañas publicitarias de divulgación e difusión das potencialidades, valores e realidades da economía social.




No hay comentarios: