martes, 27 de noviembre de 2012

Publicación Decreto Rede Eusumo

No día de hoxe publícase no DOG (Diario Oficial de Galicia) nº 226 o Decreto que regula a creación da Rede Eusumo para o fomento do Cooperativismo e a Economía Social e se regula o seu funcionamento.

Co impulso do máximo órgano de promoción do cooperativismo na Comunidade Autónoma, o Consello Galego de Cooperativas, e co apoio explícito de asociacións representativas e de fundacións de base cooperativa, a Xunta de Galicia dá forma ao empeño compartido de promover a economía social mediante a creación da Rede Eusumo para o fomento do cooperativismo e a economía social.

Con esta Rede preténdese estender o labor de promoción con dous obxectivos fundamentais: por unha parte, a posta en marcha de novos proxectos cooperativos como motores de creación de emprego e, por outra, a consolidación das empresas de economía social existentes mediante a mellora da súa competitividade, achegando información e asesoramento especializado a desempregados, cooperativistas, emprendedores e cidadanía en xeral, e prestando especial atención aos procesos de seguimento de proxectos.

Enmárcase, tamén como obxectivo da Rede, facer chegar aos cidadáns os diferentes recursos e infraestruturas de institucións, entidades ou organizacións con interese en adherirse á Rede.

Esta Rede estará formada pola Xunta de Galicia e polas entidades colaboradoras que poñan a disposición das actividades de fomento os seus medios e recursos, asinándose para tal efecto convenios de colaboración entre a consellería competente en materia de traballo e as devanditas entidades.

A Rede contará con centros que terán como finalidade a realización das actividades, especialmente a información e sensibilización do conxunto da sociedade. O seu número garantirá como mínimo que o rango de actuación abranga todo o territorio galego, fomentando, ademais, a través de instrumentos específicos, a colaboración con zonas transfronteirizas.


No hay comentarios: