A rede Eusumo de fomento do cooperativismo, promovida e
creada pola Consellería de Traballo e Benestar, conta xa con 22 puntos de
asesoramento en Galicia. Estes centros e oficinas de fomento cooperativo foron
postos en marcha mediante a colaboración con distintas entidades e agrupacións
de concellos.
O director xeral de Traballo e Economía Social, Odilo
Martiñá, inaugurou no día de onte en Santiago a xornada “Cooperar, unha opción con
futuro”. Na súa intervención, centrouse na creación da rede Eusumo, o primeiro
entramado específico de servizos de promoción e asesoramento destinado á
economía social na comunidade autónoma. Neste sentido, lembrou que en novembro
aprobouse o decreto que permite consolidar e ampliar este programa, ao tempo
que lle outorga un carácter estable.
Os principais obxectivos desta rede son a posta en marcha de
novos proxectos cooperativos, como motores da creación de emprego; e, por outra
banda, a consolidación das empresas de economía social existentes mediante a
mellora da súa competitividade.
Para acadar estas metas, a rede ocúpase de achegar
información e asesoramento especializado a desempregados, cooperativistas,
emprendedores e cidadanía en xeral, prestando especial atención aos procesos de
acompañamento de proxectos.
As entidades colaboradoras da rede son, e serán, aquelas que
teñan interese no desenvolvemento da economía social, no apoio ao emprendemento
ou no desenvolvemento local, e que poñan a disposición da rede Eusumo algún dos
medios e recursos dos que dispoñan, tales como infraestruturas e servizos.
Poderán ser entidades colaboradoras desta Rede as
administracións públicas; as asociacións de cooperativas e de sociedades
laborais; as sociedades cooperativas galegas; as fundacións e asociacións; as
universidades -a través dos seus centros colaboradores-; as cámaras de comercio
e outras entidades sen ánimo de lucro.
Unha das características do modelo de funcionamento da Rede
é o feito de que explora no territorio, tratando de atopar espazos de oportunidade.
Este traballo realízase a partir de entrevistas e contactos con diferentes
axentes e coa conformación de grupos de traballo. Nestes grupos analízanse as
potencialidades do sector, preséntanse as fórmulas da economía social para
apreciar en que medida poden adaptarse ao mesmo e realízase formación práctica
en habilidades de traballo en equipo e participación.
Os servizos sociais e a atención a persoas en situación de
dependencia son un dos eidos potenciais de creación de emprego en Galicia. En
liña coa potenciación destes sectores, a Rede Eusumo ofrece un apoio específico
para fomentar empresas de economía social nos mesmos.
Proba de que -como é o lema da xornada- as cooperativas son
unha “opción con futuro” é que ao longo desta lexislatura déronse de alta en
Galicia 168 novas cooperativas, cun total de 4.106 socios. Isto supón un
incremento do 75% en relación coas cooperativas creadas na lexislatura
anterior, e un incremento do 109% en relación co número de socios.
Xornada sobre cooperativas
Ademais da rede Eusumo, as xornadas que se celebraron na pasada xornada abordaron outros temas de interese no eido cooperativo. Entre outros asuntos,
estase a tratar a dinamización do emprego e o impulso á internacionalización, a
través de proxectos como o Coopera +, da Xunta de Galicia.
Outras ponencias e mesas técnicas están a centrarse en temas
como as oportunidades cooperativas fronte á crise; a internacionalización,
tamén para as pequenas empresas; ou ferramentas para a comercialización a
través de aplicacións TIC para o fomento do e-commerce.
Na seguinte imaxe podedes ver a 6 dos técnicos das 22 Oficinas de Fomento Cooperativo repartidas pola Comunidade Autónoma.
No hay comentarios:
Publicar un comentario